“Pensando en R”

ceip-emilio-navasques-outesAsí se titulaba o proxecto co que o CEIP Emilio Navasqués de Outes se proclamou vencedor na primeira edición do programa “Recíclate con Sogama”.

As múltiples actividades deseñadas e executadas polo centro no ámbito da recollida selectiva valéronlle o máximo recoñecemento da empresa pública, que tivo en conta, na avaliación das mesmas, o grado de implicación dos docentes e alumnos no proxecto, calidade dos residuos separados nas aulas e depositados posteriormente nos contedores que conforman a illa de reciclaxe cedida pola Sociedade, a educación en valores medioambientais e a implicación das familias e o propio concello.

Mercedes Cereijo e Marian Paredes, profesoras coordinadoras desta iniciativa no CEIP Emilio Navasqués, foron as verdadeiras artífices do proxecto iniciado fai tres anos. Calquera cita ou evento resultáballes oportuno para abordar a reciclaxe. O Magosto, os Nadais, o Entroido e o Día da Paz, entre outros, servíronlles para difundir as bondades do reciclado e a necesidade de levar a cabo unha correcta xestión dos residuos urbanos como garantía de benestar e calidade de vida, agora e no futuro.

E o seu entusiasmo, lonxe de languidecer, veuse fortalecido co tempo. De forma permanente recordan aos estudantes e aos seus propios compañeiros a importancia de seguir colaborando e participando no sistema, conscientes da necesidade de que o aprendido na escola se exporte ao ámbito familiar para que a reciclaxe chegue de forma nítida a cada fogar e que os seus membros empréguense a fondo para adoptar o tan coñecido, pero menos practicado, principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).

Impulsando os tres erres

Recentemente decidiron facer un repaso en profundidade dos xestos a adoptar pola poboación para diminuír a produción de lixo en orixe, para usar repetidas veces os materiais antes de convertelos en residuos, e para colaborar activamente na segregación dos mesmos, depositando cada tipoloxía no recipiente correspondente: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; iglú verde, para as botellas, tarros e frascos de vidro; contedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama converte, con todas as garantías medioambientais, en enerxía eléctrica.

E co obxectivo de recordar os pasos a seguir, Marian e Merche fixeron uso de diversos materiais didácticos e divulgativos aportados por Sogama, levando a cabo unha serie de accións que se estenderon a todos os niveis educativos, incluíndo aos pequenos de infantil, así como ao conxunto do profesorado do centro.

“Pensando en R” conseguiu adentrarse nas mentes de varias xeracións de nenos e nenas de Outes, e iso grazas ao esforzo e traballo das súas autoras e coordinadoras, que non só creen no medio ambiente e a reciclaxe, senón tamén nun mundo mellor.

O programa “Recíclate con Sogama” é canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, organizándose desde o curso académico 2012-2013, e poñendo de relevo a súa preocupación pola protección e coidado do medio ambiente a través da reciclaxe.

 

Fonte: Sogama

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*