O patrimonio inmaterial galego-portugués agarda o recoñecemento da UNESCO dez anos despois

opatrimonioPonte…Nas Ondas! continúa co seu compromiso de difusión e transmisión deste patrimonio celebrando unha GALA DO PATRIMONIO o vindeiro 25 de novembro, data da presenza deste patrimonio na sede da UNESCO hai dez anos e que tamén coincide co día no que recolleron o Premio Ondas pola “mellor cobertura informativa” deste patrimonio, o ano pasado.

Este mediodía, no Salón de Plenos do Concello de Tui presentáronse en rolda de prensa os actos conmemorativos dos dez anos da presenza do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da UNESCO. Participaron no acto, Jorge Mendes, presidente da Cámara de Valença do Minho; Enrique Cabaleiro, alcalde do Concello de Tui; Mª José González, concelleira de Cultura do Concello de Tui; Octavio Rodríguez, da TVG e Santi Veloso e Esmeralda Carbalho, voceiros de Ponte…Nas Ondas.

Santi Veloso, agradeceu aos representantes institucionais a súa colaboración e o seu apoio; explicou que o Concello de Tui e a Câmara de Valença apoiaron no seu momento a Candidatura presentada por Ponte…Nas Ondas! e dez anos despois, este patrimonio común que agarda o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, vai mostrar na Eurocidade Tui-Valença a súa riqueza e a súa diversidade. Esmeralda Carbalho dixo que a GALA DO PATRIMONIO é “unha homenaxe ás persoas e ás comunidades portadoras“ e nese sentido realizou un convite a todas as asociacións das dúas beiras a asistir. Grupos de treboadas e de zés pereiras percorrerán as rúas da Eurocidade no día 25 anunciando os actos.

A Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués foi a primeira candidatura multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea e os representantes de Ponte…nas ondas! reafirmaron o compromiso da asociación en continuar co labor de transmisión deste patrimonio ás novas xeracións.

O vindeiro 25 de novembro os actos comezarán coa MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA que baixo a denominación ‘Temos Patrimonio!’ convocará no Teatro Municipal de Tui a partires das 11:30 a alumnado de centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles ás novas xeracións as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira que se mantén viva na actualidade a través da música, o teatro, a narración oral… Na Mostra participarán o escritor e músico Xurxo Souto, o grupo de música tradicional Tradisón, o grupo de música infantil, A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Os tres irmãos e outras historias de amor. A Mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e do proxecto CampUSCulturae que coordina a Universidade de Santiago. En horario de tarde, ás 20:30 horas e tamén no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a GALA DO PATRIMONIO, que dá cabida a persoas e grupos que se consideran ‘portadoras’ do valor do patrimonio inmaterial galego-portugués por todo o mundo. O cartel está composto por Malvela, un grupo de mulleres raianas que interpretan cancións tradicionais, o quinteto de Porto Vozes da Rádio, as Cantadeiras do Neiva de Viana do Castelo, o actor e director teatral Quico Cadaval, a cantautora galega Uxía, o músico portugués Augusto Canario, e o escritor e músico galego Xurxo Souto. Santi Veloso explicou que a gala “pretende ser un acto de lembranza pero tamén unha mostra da vitalidade da nosa cultura galaico-portuguesa. O patrimonio inmaterial galego-portugués foi transmitido de xeración en xeración e chegou até o século XXI con formas vivas e renovadas. Na homenaxe ás persoas e comunidades portadoras, lembrarase a dúas persoas que xa non se atopan entre nós: a Señora Carme de Malvela (Galiza), que participou en diferentes actos da Candidatura (Círculo Bellas Artes de Madrid, Museo do Pobo Galego) e Nelson Vilarinho (Portugal) que foi un dos tocadores de concertina máis recoñecidos no norte de Portugal; ambos participaron na XV edición de Ponte…Nas Ondas! 2009 coa temática dos Tesouros Vivos. Esmeralda Carbalho apuntou que “dez anos despois, desde Ponte…Nas Ondas! queremos convocar á cidadanía a defender este patrimonio común e a reivindicar que os tempos son chegados para que as administración realicen o proceso de inscrición deste patrimonio na Lista Representativa da UNESCO”.

O voceiro de Ponte…Nas Ondas! lembrou que quen queira apoiar a candidatura pode facelo asinando en: www.opatrimonio.org. Tamén animou a visitar a exposición “ DO SAUDOSISMO AO ATLANTISMO”, unha mostra que percorre as relacións entre os escritores galegos e portugueses do século XX e que será inaugurada tamén o vindeiro 25 de novembro. Por último, Santi Veloso lembrou o proxecto CULTURAQUEUNE, unha plataforma, integrada por asociacións e fundacións dun e doutro lado, creada para fomentar o intercambio cultural entre o Norte de Portugal e Galiza, que foi presentada en decembro de 2104 no Culturgal, realizando as primeiras actividades en Amarante e A Coruña e que será presentada en Tui o día 20 cunha conferencia do historiador Luis Martínez Risco.

O presidente da Câmara Municipal de Valença, Jorge Mendes, agradeceu a constancia e o esforzo de Ponte…nas ondas! e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, mostrou o apoio da Eurocidade a esta iniciativa e mostrouse disposto a colaborar con Ponte…nas ondas! O deputado de cultura da Deputación de Pontevedra ( non puido estar no acto ) mostrou tamén o apoio da Deputación aos actos. Octavio Rodríguez, representante da TVG confirmou que a Televisión Galega e a RTP ( Radio Televisión Portuguesa ) emitirán a Gala para contribuír a divulgar e a transmitir este patrimonio por toda a Eurorrexión.

‘Ponte…Nas Ondas’ naceu como unha experiencia educativa no ano 1995, grazas á cooperación entre escolas situadas nas dúas beiras do Miño. Comezou como unha xornada radiofónica de 12 horas de emisión que, co tempo, pasou a ter 24 horas de programación na que estudantes de centros educativos de primaria, secundaria e da universidade emiten programas de radio elaborados por eles mesmos en directo e atendendo a todo tipo de formatos, desde concursos e música ata entrevistas e conexións entre diferentes estudos. Esta iniciativa conta con numerosos recoñecementos entre os que se contan o Premio Galicia de Comunicación ao ‘mellor labor en medios informativos’, concedido pola Xunta de Galicia; o premio ‘Bos e Xenerosos’ concedido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega; e o recoñecemento da European Bureau for Lesser USed Languages (EBLUL) como “experiencia que contribúe á promoción dunha lingua minorizada, axuda á recuperación da cultura e das tradicións e favorece a cooperación transfronteiriza” ; e o Premio ONDAS “á mellor cobertura informativa”, que a asociación recollía en Barcelona precisamente o 25 de novembro do ano pasado.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*