Aquel penalti que non tirou Bebeto

Artigo do xornalista e escritor Ramón Vilar Landeira

 

libros2Iria vén de principiar o Grao de Mestra de Educación Infantil. O novo rumbo que está a tomar a súa vida fai que lle apareza seguido un buratiño en cada meixela. Son os efectos secundarios de ser nova e estar cumprindo un soño. Hai anos que ten claro que quere ser docente. Coméntolle que é unha sorte ter unha vocación e poderse preparar para ela. Sorrí.

-Compartimos tres amigas un piso na Costa Nova. A facultade quédanos ao lado.

Que casualidade, na miña época universitaria tamén vivín nesa rúa desesperadamente empinada. Está exultante e eu dou por feito que os pais tamén o estarán. Erro. Por un momento desaparecen os furados das meixelas e deixa de mirarme aos ollos.

-Iso é o único malo. A meus pais non lles gusta nada que queira ser mestra.

Cóntame que na familia non comprenden a súa elección: querían unha enxeñeira, unha doutora, unha avogada, no peor dos casos… pero unha mestra, non… e de infantil… menos… Coas notas que ti tes podes estudar o que che dea a gana, ¿por que te queres complicar? Case lle suplicou a nai. O pai, que aínda o tomou peor, aférrase á esperanza de que ela cambie de opinión para o vindeiro curso. Isto aínda a entristece máis. Intento quitarlle ferro ao asunto. Explícolle que os pais queremos o mellor para os fillos, aínda incluso cando nos equivocamos, e que de seguro estarán orgullosos cando vexan que logra o seu obxectivo de ser mestra de infantil. Ou quizais iso é o que desexo.

Mentres que noutros países, o caso máis paradigmático é Finlandia, o de docente é un dos oficios máis apreciados e respectados, aquí non acabamos de valoralo na súa xusta medida. Hai xa ben anos, facendo as prácticas do CAP (Curso de Adaptación Pedagóxica) no Instituto Alfredo Brañas de Carballo, comprobeino en primeira persoa. Pregunteille aos alumnos do último curso de bacharelato que carreira querían estudar. Cada un foi dicindo, con máis ou menos entusiasmo, a súa elección.

-¿Ninguén quere ser profesor?

Todos calaron… menos un.

-Meu pai di que para profesor van os que non valen para outra cousa.

E a min, a pesar de que xa intuía que a miña vida laboral podía ir por outros camiños, aquilo produciume unha infinita tristura. Consideraba, e considero, que é importante que os docentes estean ben pagados pero que aínda o é máis que o seu traballo sexa valorado pola sociedade. Agora son pai de dous nenos que están en iniciando a súa andaina escolar. Quero e demando un sistema educativo que conte cos mellores profesores. E éncheme de satisfacción oírlles contar todo o que aprenden con Beverly e Alicia e sobre todo ver o contentos que van cada mañá cara ao colexio.

Oxalá Iria se converta cos anos nesa mestra de infantil que quere ser e, o que é máis importante, que estea orgullosa do seu traballo como agora o está de cursar a carreira. Que nunca deixe de seguir aprendendo e mellorando. Non hai maior fracaso que o de non pelexar polo que soñamos, polo que pensamos que sabemos facer ben.

Ao respecto das dúbidas dos pais, esqueceume falarlle do penalti que non quixo tirar Bebeto aquel 14 de maio. Semanas antes fallara contra o Aston Villa e o Oviedo. O brasileiro, un dos mellores dianteiros que viu o mundo na década dos 90, deixou de confiar na súa propia capacidade. Segundo contan testemuñas directas, incluso lle pediu explicitamente a Arsenio que non quería lanzar máis penaltis no que quedaba de tempada. E se de algo estou seguro é do moito que lle tería pesado descartarse da lista de tiradores. Alentar fondo, expulsar o aire paseniño e coller carreira. Eran once metros e fallar era o de menos. Pero, claro, iso soubémolo despois.

 

*Artigo publicado orixinalmente en La Voz de Galicia

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*