Dificultade, confianza e fenda de xénero explican o baixo interese do alumnado polas áreas TIC

Malia as altas taxas de empregabilidade, a situación actual permite prognosticar un défice de profesionais no sector en Galicia a curto prazo.

informe-stemCatro de cada dez estudantes enquisados non cren ser capaces de cursos estudos no ámbito tecnolóxico. A cifra sae do estudo realizado entre alumnado galego de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato de corenta centros educativos. A investigación avaliou unha serie de variables de influencia nos mozos e mozas á hora de elixiren o seu itinerario formativo: o propio alumno, a contorna próxima, a contorna educativa e a contorna social.

Os resultados amosan unha clara falta de vocacións no eido da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías e Matemáticas, e indican nesa liña unha falta de autoconfianza que se incrementa no caso das alumnas, xa que só o 54% ven capacitadas para estudar unha carreira do ámbito TIC fronte ao 74% dos alumnos. Esta fenda de xénero tamén se reflicte no feito de que, fronte ao 46% dos mozos que optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico, unicamente un 33% das rapazas o elixen.

A vocación é a motivación principal dos alumnos (92%) para a elección do tipo de estudos, seguido da utilidade e da facilidade. Precisamente, a facilidade é o motivo que sinala o 59% de alumnos de ESO que se decantan por un Bacharelato distinto ao Científico-Tecnolóxico. Actualmente, só o 8,5% do alumnado matriculado no sistema universitario galego cursa carreiras do ámbito científico tecnolóxico. O baixo índice de interese por estes estudos contrasta coa súa alta taxa de empregabilidade, que en Galicia ascende a máis de 14.000 traballadores no sector

Problemas a curto prazo no sector para cubrir a demanda

No próximos cinco anos, o índice de titulados nas universidades galegas en estudos relacionados co ámbito científico tecnolóxico non será suficiente para cubrir a demanda de profesionais do sector TIC. Dos 10.000 alumnos titulados nas Universidades galegas en 2014, só 753 cursaron carreiras científico-tecnolóxicas, unha tendencia descendente que se mantén desde 2010. Uns datos que contrastan coa crecente demanda de emprego no sector TIC a nivel rexional, estatal e europeo.

Así queda de manifesto neste “Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia”, elaborado pola consultora multinacional Everis, dentro dos seus compromisos como empresa asinante do Pacto Tecnolóxico de Galicia. As conclusións do estudo presentáronse nunha xornada na que participaron os representantes das tres entidades que colaboraron na súa elaboración: a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, e o director de Administracións Públicas da consultora everis, Sergi Biosca.

Accións para mudar a tendencia

A análise amosa que a decisión sobre o tipo de estudos que queren realizar os alumnos e alumnas está xa formada no momento que chegan a 3º e 4º de ESO, xa que no paso deste ciclo ao Bacharelato non se produce un cambio nas preferencias. Así, sería entre o segundo e terceiro ciclo de Primaria, o momento clave para fomentar o interese dos alumnos por estas materias. Por tanto, entre as conclusións indícase que é preciso traballar para cambiar a percepción da mala relación esforzo-beneficio, sobre este tipo de itinerarios formativos.

Aínda que en xeral, os alumnos asocian os estudos e profesións relacionadas coas ciencias, tecnoloxías, enxeñerías ou matemáticas a traballos ben remunerados e cun considerable impacto social, o estudo reflicte que hai unha porcentaxe de estudantes que descoñecen esta realidade, polo que se considera necesario incidir sobre dous elementos como son o prestixio e a utilidade social.

Tamén a imaxe que perciben os alumnos sobre os profesores e materias científico- tecnolóxicas, é relevante, polo que o estudo propón fortalecer por unha banda, a formación e competencias nas TIC do profesorado doutras áreas, e no caso do profesorado das áreas específicas, promover accións que reforcen a súa base didáctica para facilitar un maior achegamento ao alumnado.

En canto ás materias de informática e tecnoloxía o estudo apunta á necesidade de darlles un carácter máis transversal, así como aumentar nelas o peso da creación dixital (programación, robótica, etc.).

Este informe é unha das iniciativas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para impulsar as vocacións tecnolóxicas e dar resposta á demanda de novos perfís dixitais que demanda o sector. En Galicia o sector tecnolóxico emprega a máis de 14.000 persoas e rexistrou un volume de negocio en 2014 de 2.936 millóns de euros, un 4,6% máis que o ano anterior.

 

Poden ler aquí o informe completo:  ‘Estudo sobre os factores influentes na elección de estudos científicos, tecnolóxicos, enxeñerías e matemáticas en Galicia’

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*