Programa didáctico: Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre

En Vigo, organizada pola Fundación Barrié.

A Fundación Barrié mostra, desde o 21 de outubro na súa sede de Vigo, a exposición e proxecto educativo Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre, que achegará á cidadanía, ata o 28 de febreiro de 2016, unha figura imprescindible na cultura española no tránsito do século XIX ao XX, escasamente coñecida na actualidade e cuxo arquivo persoal foi doado á Fundación pola súa filla Eugenia Said Santoro en 1992, e que se custodia na Biblioteca da Fundación na Coruña.

victor-said-armestoO completo programa didáctico que se desenvolve desde outubro ata a clausura da exposición componse de obradoiros para escolares e familias, campamentos de Nadal, visitas guiadas e do concerto didáctico Aires da Terra. O legado de Perfecto Feijoo e Víctor Said Armesto, que se celebrará no auditorio da Fundación en Vigo en febreiro de 2016, no que oito músicos liderados polo gaiteiro Suso Vaamonde, reproducirán as voces e instrumentos do histórico coro pontevedrés, o primeiro de música tradicional galega e pioneiro na recollida dos temas que conforman o cancioneiro popular galego. O espectáculo estará conducido e amenizado polas intervencións de Xurxo Souto e a actuación de dous bailaríns, terá unha duración de 50 minutos e complementarase cunha visita á exposición de 20 minutos que axudará a contextualizar a época de Víctor Said Armesto e os seus contemporáneos. A asistencia ao concerto será gratuíta, previa reserva no teléfono 986 110 220.

Programa didáctico Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre, en Vigo

VISITAS OBRADOIRO PARA ESCOLARES

Participantes: Educación Infantil (2º Ciclo), Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos de Formación e Colectivos con diversidade funcional

Horarios: mércores, xoves e venres, desde o 29 de outubro de 2015 ao 26 de febreiro de 2016

1º obradoiro: de 10.00h a 11.30h

2º obradoiro: 12.00h a 13.30h

3º obradoiro: 16.00h a 17.30h

4º obradoiro: 18.00h a 19.30h

Duración: 90 minutos (Educación Infantil: 60 minutos)

Máximo participantes: 25 nenos/as por grupo (máximo dous grupos simultáneos)

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h

EDUCACIÓN INFANTIL. Compartimos contos

Conceptos clave: viaxe no tempo, exploración de obxectos, importancia da cultura e das artes, cultura tradicional galega, importancia das bibliotecas, os contos e a transmisión oral.

Na visita…

Durante a visita á exposición os nenos e nenas poderán viaxar no tempo e coñecer a Víctor, un home que viviu hai xa moitos anos, falando sobre as diferenzas entre a súa realidade e a nosa. Os múltiples obxectos que exploraremos na exposición, como debuxos, instrumentos musicais ou xornais achegarannos a todas as paixóns deste home tan inquedo e curioso, ao tempo que nos permitirá abordar a importancia de facer as cousas que nos gustan.

Divertirémonos tamén coa nosa cultura, a galega, aprendendo unha canción e escoitando un conto tradicional dos que a este personaxe tanto lle chamaban a atención.

No obradoiro…

Unha das cousas que máis lle gustaban ao noso amigo Víctor era escoitar contos e cancións. No obradoiro cada neno/a disporá dunha figura de cartolina troquelada coa forma de Said Armesto, sobre a que poderá debuxar e colorear e levarse para casa. Esta figuriña non precisa comer nin beber; só se alimenta das historias que lle contamos, ben porque as lemos ou llas escoitamos a alguén. Grazas a isto, Víctor poderá coñecer como son os contos dos nenos e nenas de hoxe en día, e nós iremos aumentando a nosa colección de contos para compartir con el.

Unha actividade para animar á lectura e á transmisión do patrimonio oral, poñendo en valor o propio espazo da biblioteca e o recurso da dramatización. Ao mesmo tempo fomentará o coñecemento da figura de VSA entre as familias cando os nenos e nenas leven o personaxe para as súas casas.

EDUCACIÓN PRIMARIA. Descubrindo a Said Armesto

Conceptos clave: achegamento básico á figura de Said Armesto, importancia das artes e da cultura, achegamento á cultura de comezos de século, colección de obxectos, exploración, cultura tradicional galega, importancia do estudo e de facer o que nos gusta.

Na visita…

Que hai normalmente nas exposicións? Nesta encontraremos de todo! Música, teatro, pintura, literatura… Todas as artes están presentes grazas a Víctor Said Armesto, un home moi especial que nos deixou moitos dos seus obxectos preferidos para que poidamos adiviñar cales eran as súas grandes paixóns e que foi o que investigou ao longo da súa vida. Falaremos ademais de como se vivía na súa época: como se vestía, como se viaxaba, ou como se escribía.

Convertirémonos en exploradores para non perdernos ningún detalle dos obxectos desta variada exposición, e, ao igual que Said fixo nas súas recollidas por Galicia, faremos o mapa da nosa propia “recollida” pola sala de exposicións, armados con cadernos, lapis e moita curiosidade e iremos indicando os achados que máis nos chamaron a atención.

No obradoiro…

No obradoiro, escoitaremos un conto tradicional ou un romance como os que tanto lle gustaban a Said Armesto, e converterémolo nunha historia moderna a través do formato da banda deseñada. Os mesmos personaxes serán trasladados a contextos e situacións actuais que as nenas e nenos terán que deseñar a partir das plantillas que se lles facilitarán.

Un xeito divertido de reinterpretar as historias que investiga Said Armesto nun formato moderno e atractivo para nenos e nenas.

EDUCACIÓN SECUNDARIA E BACHARELATO. Mensaxes para Said Armesto

Conceptos clave: achegamento á figura de Said Armesto e outros intelectuais do momento, importancia dos medios de comunicación e as artes, aproximación á cultura galega, pasado vs presente.

Na visita…

Said Armesto foi un personaxe crucial para a cultura galega, impulsor da Real Academia Galega, en parte esquecido pola historia: na mostra veremos cal foi o seu traballo artístico e de investigación, apoiándonos nos obxectos que se presentan na mostra. Achegarémonos tamén ao panorama cultural do momento, reflexionando sobre as ideas predominantes na época e repasando outras grandes figuras coas que Armesto tivo contacto como Manuel Murguía, Castelao, Casto Sampedro, Curros Enríquez, Valle-Inclán ou Pérez Galdós, que conformaron boa parte da historia e cultura desa época.

Como era a vida nese momento? Como se transformaron as artes, ou o xeito de nos comunicar? A que se dedicaría Víctor Said se vivise hoxe? Sobre estas e moitas outras cuestións debateremos, cos paneis da exposición como pano de fondo. Falaremos tamén das diferenzas entre a cultura galega que el retrata e a realidade que nos rodea, e abordaremos a importancia das bibliotecas e do arquivo da Fundación Barrié en particular.

Un complemento perfecto para achegarse a ese apaixonante período do cambio de século e reforzar o temario de materias como Lingua e Literatura galega e española, Xeografía e Historia.

No obradoiro…

O obxectivo para o obradoiro de Educación Secundaria e Bacharelato é que o alumnado sexa quen de percibir a Said Armesto como unha figura próxima e traer os seus valores e ensinanzas ao presente.

Por iso, no espazo didáctico, reflexionaremos en grupo sobre varios dos temas que saíron na exposición, analizando como os vemos nós na actualidade e creando unha especie de “etnografía do presente”: como nos relacionamos, que música escoitamos, como vestimos, que lemos. Cada grupo deberá crear un microtexto e deseñar con materiais diversos unha imaxe gráfica que a poida acompañar; trátase de xerar varias mensaxes –ao modo de “tweets”– para Said Armesto nos que compartimos con el aspectos importantes da nosa realidade. Este material colocarase en vertical despois sobre un soporte gráfico situado na parede que imita o muro dunha rede social, o que nos permitirá reflexionar sobre a obra creada e contrastala co contexto de principios do século XX.

Faremos pois un “muro analóxico”, unha combinación contrastante entre formatos, moi suxerentes para os e as adolescentes, con temas que nos permiten achegarnos ás mudanzas sociais que tiveron lugar no último século.

CAMPAMENTOS DE NADAL

Aproveitando as vacacións de Nadal propoñemos a realización de 4 mini-campamentos de 3 días cada un nos que ofrecer aos nenos e nenas de 6 a 13 anos a posibilidade de se mergullaren nas artes e na cultura da man de Víctor Said Armesto.

Idades: de 6 a 13 anos

Máximo participantes: 15 nenos/as por campamento

Datas: 21, 22 e 23 / 28, 29 e 30 de decembro de 2015

Horario: Quenda de mañá: de 10.30h a 13.30h / Quenda de tarde: de 16.00h a 19.00h

Previa reserva no teléfono 986 110 220, de martes a venres, de 12.00h a 14.00h e de 18.00h a 21.00h. Imprescindible presentar o formulario de inscrición o primeiro día do campamento.

 

Máis información e actividades

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*