Fomentando a interacción: un trebello electrónico? Mellor un libro ou un crebacabezas!

crebacabezas-puzle-rompecabezasSe ben chaman máis a atención dos cativos, reducen as oportunidades para o desenvolvemento da linguaxe e outras habilidades sociais.

A contorna do bebé inflúe na súa aprendizaxe da linguaxe, que á súa vez afecta as súas habilidades coa lectura. Científicos estadounidenses liderados por Anna V. Sosa, da Universidade do Norte de Arizona (EUA), quixeron indagar sobre que tipo de xoguetes crean unha contorna máis favorable para a adquisición da linguaxe.

O resultado da súa investigación, que, a pesar de ser publicada na revista JAMA Pediatrics, ten certas limitacións, é que os xoguetes electrónicos con luces e sons asócianse co emprego dunha linguaxe de menor calidade e menos rico en palabras, en comparación co intercambio oral que manteñen pais e fillos ao compartir libros e xoguetes tradicionais, como un crebacabezas de madeira.

Os investigadores gravaron os sons de 26 parellas de pais e nenos de entre 10 a 16 meses de idade mentres xogaban nas súas casas. Os participantes recibiron tres tipos de xoguetes: electrónicos (un computador para bebés, unha granxa con sons e un teléfono móbil); tradicionais (crebacabezas de madeira maciza e bloques de caucho con fotos); e cinco libros de cartón con animais de granxa, formas ou cores.

Mentres xogaban cos instrumentos electrónicos, os pais utilizaron menos xiros conversacionais, produciron un menor número de respostas e empregaron menos palabras con contido específico que cando xogaban cos libros ou crebacabezas.

Os expertos tamén observaron que os nenos vocalizaban menos mentres xogaban cos instrumentos electrónicos que cos libros, e que os pais usaban menos palabras durante o xogo con elementos tradicionais que mentres xogaban cos libros.

“Estes resultados proporcionan unha base para desalentar a compra de xoguetes electrónicos, anunciados como educativos e que adoitan ser bastante caros. Ademais, súmanse á gran cantidade de evidencias que apoian os beneficios potenciais da lectura en nenos moi pequenos”, afirman os autores.

Tras as súas conclusións, os expertos son conscientes das limitacións do traballo, como o pequeno tamaño da mostra e a similitude dos participantes por raza, etnia e nivel socioeconómico.

Fomentar os reflexos ou potenciar a linguaxe

Nun editorial publicado na mesma revista, Jenny S. Radesky, da Universidade de Michigan, e Dimitri A. Christakis, do Hospital Infantil de Seattle (ambos nos Estados Unidos), fan balance dos resultados obtidos polo equipo de Sosa.

“Os xoguetes electrónicos que teñen luces ou producen ruídos son moi eficaces á hora de chamar a atención dos nenos mediante a activación do seu reflexo de orientación. Este reflexo primitivo obriga á mente para concentrarse en novos estímulos visuais ou auditivos”, explican os expertos.

Con todo, o traballo de Sosa indica que os xoguetes electrónicos fan algo máis que dirixir a atención dos nenos e neas: parecen reducir a interacción verbal entre eles e os seus pais e nais. Para Radesky e Christakis, este detalle é a clave, porque as quendas de conversación durante o xogo non só serven para que os nenos aprendan a falar, senón que tamén abonan o terreo para desenvolver habilidades sociais, como o respecto polas quendas e as ideas dos outros; ou a adquisición de roles durante o xogo.

“As interaccións verbais son só unha parte da historia. O que falta neste estudo é unha perspectiva sobre como as interaccións non verbais, que tamén son fonte importante de habilidades sociais e emocionais, varían segundo o tipo de xoguete”, opinan. Segundo explican, as actividades dixitais teñen un potencial enorme para facer que o neno se involucre nelas, pero é importante que o propio xogo electrónico non o deixe ensimesmado e illado da contorna. “Os timbres e asubíos venden xoguetes, pero tamén poden restar valor ao xogo”, conclúen.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*