Quen lle ensina a cantar a un paxaro?

science-pimpin-cebraComo aprende un paxaro para cantar e, máis en concreto, a cantar sons tan importantes como o do cortexo?

Son os seus pais os mestres? É autodidacta? Ou o seu cerebro xa o sabe?

Neurocientíficos do NYU Langone Medical Center descubriron que as crianzas de diamante cebra (Taeniopygia guttata) experimentan cambios nas redes neuronais do seu cerebro ao escoitar os cantos de cortexo de seus pais para aprendelos por eles mesmos.

O estudo, que loce portada na revista científica Science, revela como estas aves aprenden cantos mediante a observación e a práctica, pero vai máis aló: os autores esperan que o traballo contribúa en futuras investigacións a atopar a maneira de axudar a pacientes con danos cerebrais a recuperar a habilidades perdidas, por exemplo conversar.

“Mentres soubemos durante décadas que as aves de canto adolescentes só aprenden os seus cantos escoitando un ‘titor’, cremos que o noso estudo é o primeiro en detallar cambios nas redes neuronais que fan posible esta mestría en cerebros maduros”, explica o autor principal do estudo, Michael Long.

O “baile das neuronas

“Os nosos resultados mostran que a aprendizaxe do canto por parte do diamante cebra reflicte un ‘baile’ no interior do centro de control vocal do cerebro, entre as células nerviosas que capturan a información cando a ave escoita e aquelas que dirixen os músculos mentres canta”, engade Long.

Os investigadores atoparon que ao comezo da adolescencia, ao escoitar unha canción paterna acendíanse as mesmas redes neuronais que o novo paxaro usará máis tarde para cantala unha vez aprendida.

Un segundo resultado do traballo vira ao redor dun conxunto de células nerviosas no cerebro -interneuronas inhibitorias- que amortecen a actividade dos nervios circundantes para así esculpir a información sensorial que está a funcionar. Os investigadores acharon que as interneuronas suprimen o impacto de cada nota en cada canción paterna tan pronto como é aprendida, “encorsetándoa na memoria do novo paxaro peza por peza”.

“A nosa investigación avanza na comprensión de como se aprenden as habilidades condutuais, e o papel xogado pola inhibición sensorial en crear patróns memorizados permanentemente”, conta Long, “ese enfoque -engade-podería aplicarse a condutas complexas en persoas, como bailar ou xogar ao béisbol”.

Os investigadores usaron eléctrodos para seguir a actividade cerebral en diamantes cebras mentres aprendían cantos dun mentor durante varias semanas. Xeralmente, esta especie aprende os cantos durante a súa adolescencia, que comeza aproximadamente un mes despois do nacemento e dura 100 días, durante os cales practican centos de cancións miles de veces. Os autores acharon que a influencia do pai no circuíto nervioso do adolescente decrece gradualmente cando aprenden as cancións e que os rápidos aprendices tiñan cambios cerebrais máis rápidos.

Outras condutas aprendidas

As aves, durante o seu desenvolvemento, aprenden condutas dos seus proxenitores. Unha das experiencias máis asombrosas do mundo das aves é a migración. Os pequenos de moitas especies viaxan desde as súas zonas de cría aos seus cuarteis de inverno cos seus proxenitores e outros adultos, aprendendo as rutas que no futuro terán que encabezar coa súa propia familia e outros compañeiros. Un exemplo clásico é o grou común, que desde os humidais dos países da contorna do Mar Báltico visita cada ano a península ibérica. O paso en voo dos grupos, que manteñen o contacto grazas aos trompeteos dos adultos, entre os cales se escoitan debilmente os asubíos dos mozos, obsérvanse anualmente mesmo sobre a gran urbe de Madrid.

Fonte: SEO/BirdLife

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*