Vídeo educativo de Sogama: A importancia dos pequenos xestos

video-didactico-portadaUn vídeo didáctico de Sogama especialmente dirixido aos escolares.

Chega á rede un novo instrumento divulgativo da man da Sociedade Galega de Medio Ambiente, especialmente dirixido ao alumnado das escolas galegas. Trátase dun vídeo educativo ambiental elaborado para fomentar que os escolares tomen conciencia do impacto que sobre a nosa existencia ten a elevada xeración de residuos.

Para iso, o vídeo fai unha coidadosa peneira de imaxes, gráficos e debuxos para mostrar o desafío da inxente produción de lixo nas sociedades modernas e instar a tomar conciencia da necesidade de adoptar conductas que axuden a previr e minimizar as súas negativas consecuencias para o medio ambiente e a saúde das persoas.

Ao longo de oito minutos os contidos adaptados desde a dimensión pedagóxica diríxense á cidadanía en xeral e a cativos e mocidade en particular para promover a toma de conciencia do impacto que sobre as nosas vidas e, xa que logo, sobre o mundo que nos rodea, ocasiona o consumo desmedido e irracional de bens e servizos, así como os beneficios que pequenos xestos, aparentemente insignificantes, poden reportar para a protección e conservación da contorna.

Reducir, Reciclar, Reutilizar

O vídeo foi presentado esta semana no colexio Doroteas de Pontevedra polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, quen apelou á necesidade de reducir a produción de lixo, fomentar a reutilización dos produtos e participar de forma decidida no sistema de recollida selectiva, depositando cada fracción de refugallos no contedor correspondente.

A peza audiovisual ambiental que xa está na rede a disposición de cidadanía en xeral e de escolas, ofrece unha escolma de consellos prácticos acerca do principio comunitario dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), subliñando por exemplo a necesidade de non comprar máis do realmente necesario. Tamén se incide na conveniencia de adquirir artigos minimamente envoltos, descartando, por exemplo, a froita, verduras, hortalizas ou carnes comercializadas en bandexas de porexpán, e de apostar polos produtos reutilizables, abandonando a tendencia de usar e tirar, propia dunha economía lineal, debendo trazar o camiño cara a unha economía circular onde os residuos son concibidos como recursos de valor.

Así mesmo, ponse de relevo a gran importancia que ten separar o lixo en fraccións (envases lixeiros, vidro, papel/cartón, resto, …) e depositalas nos contedores específicos a disposición da poboación (amarelo, iglú verde, azul, verde convencional, …). Con isto, non só contaminaremos menos, senón que tamén contribuiremos a aforrar enerxía e materias primas.

A colaboración cidadá é clave

O vídeo conclúe cun chamamento á reflexión, poñendo de manifesto que Sogama precisa da colaboración cidadá para levar a cabo o seu labor con garantías, e apela á solidariedade, a empatía e a responsabilidade compartida como claves para evolucionar cara a un mundo mellor.

Vídeo educativo de Sogama from Sogama on Vimeo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*