“Nas ás da noite”

as-da-noiteA Casa das Ciencias presenta un novo documental para planetarios sobre as migracións das aves.

“Nas ás da noite” é un documental para planetarios sobre as migracións das aves. Desenvólvese en varias escenas que percorren a historia do noso coñecemento destas viaxes, os mecanismos que empregan as aves para guiarse ou a íntima relación dalgunhas delas co firmamento nocturno.

A produción combina espectaculares animacións dixitais e secuencias en vídeo gravadas en diversos espazos naturais de Europa, desde os fiordes noruegueses ou os pantanos de Diepholz, en Alemaña, ata os principais humedais da Península Ibérica.

Dende o 28 de febreiro este programa inclúese na programación con proxeccións ás 13:00 e 18:00 horas sábados, domingos e festivos. É unha sesión recomendada a partires dos 12 anos de idade.

As migracións das aves e o ceo
Todos os outonos, millóns de aves abandonan os lugares nos que trouxeron ao mundo ás súas crías no norte de Europa e América e viaxan cara ao sur na busca dun lugar máis cálido onde pasar o inverno. Os mecanismos que utilizan para orientarse en tan formidables viaxes non son de todo coñecidos. Sabemos que se guían pola duración do día e a altura do Sol, polo campo magnético terrestre ou gardando na súa memoria o recordo das paisaxes que percorreron guiadas polos seus maiores.

Pero algunhas, como as papuxas, viaxan soas e ao abrigo da noite. A mediados do século XX os ornitólogos Franz e Eleanor Sauer decidiron comprobar a súa sospeita de que estas migrantes nocturnas poderían utilizar as estrelas para orientarse, tal e como fixeron os primeiros navegantes. Levaron algunhas a un planetario e viron que reaccionaban vivamente ante os cambios no firmamento. O que observaron confirmou que nos seus primeiros meses de vida estes paxariños crean no seu cerebro un mapa do ceo nocturno que lles axudará a atopar o rumbo nas súas migracións anuais.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*