‘FalaRedes 2016’ estrea en Frades e Cerceda ‘A viaxe de Rosalía’, unha homenaxe á escritora galega máis universal

tuit1O espectáculo ‘A viaxe de Rosalía’ estréase esta fin de semana con dúas visitas á comarca de Ordes. A primeira será o sábado 5 de marzo no Concello de Frades que, coa programación desta peza, quere aproveitar para conmemorar tanto o recente Día de Rosalía (24 de febreiro) como o próximo Día da Muller (8 de marzo), ademais de sumarse a outras actividades organizadas desde o Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes. Con este motivo, o Local Multiúsos de Frades acolle durante a mañá do sábado 5, ás 11:30 horas, a representación. E xusto un día máis tarde, o domingo 6 de marzo, os monicreques chegan ao outro extremo da comarca ordense para visitar o Concello de Cerceda. Alí, o Auditorio Municipal acollerá a mesma actividade ás 18:00 horas.

A montaxe foi presentada na semana do 24 de febreiro aproveitando o 179º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, como a segunda das actividades que a Consellería de Cultura e Educación pon en marcha en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco da quinta edición do programa ‘FalaRedes’.

Como recordaba o propio secretario xeral, Valentín García, durante a recente presentación da actividade, “esta será a segunda ocasión na que se lle renda tributo a Rosalía e se contribúa a divulgar a súa figura, vida e obra desde a RDL, que xa acolleu en 40 concellos a actividade ‘Rosalía pequeniña’ con motivo do 150º aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ no ano 2013”. Neste caso, e pensada para dinamizar a lingua galega entre o público xeral, a partir dos seis anos de idade, ‘A viaxe de Rosalía é unha peza de monicreques e música guiada polas mans expertas da actriz Larraitz Urruzola.

‘A viaxe de Rosalía’ a través da maxia dos monicreques
‘A viaxe de Rosalía’ é a segunda das actividades en marcha no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2016’. A proposta combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, uns fermosísimos monicreques de mesa e música para mostrarnos a vida e a personalidade da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro.

Este coidado espectáculo achega a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. É Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a personaxe que nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas.

Dun xeito ameno e didáctico, esta peza, escrita e dirixida por Lucho Penabade e desenvolvida baixo xestión de Larraitz Producións Artísticas, cóntanos como aquela meniña algareira que Francisca coidou foise convertendo pouco a pouco na escritora que deixou unha pegada imborrable pola súa calidade literaria.

De Guitiriz ao Rosal cun total de 13 representacións
A Casa Habanera, no concello de Guitiriz, acollerá o seguinte sábado 12 de marzo, ás 18:00, unha nova parada deste espectáculo. Esa mesma fin de semana, os monicreques de Larraitz Producións estarán o domingo 13 no Auditorio Municipal de Mondariz ás 18:00 horas.

Nas vindeiras semanas, a peza viaxará durante os meses de marzo, abril e maio por outros nove concellos, para se despedir no Auditorio Municipal do Rosal cunha función o próximo 7 de maio ás 18:30 horas. Ata esa data, o espectáculo ‘A viaxe de Rosalía’ ten programada a súa presenza nos concellos da Lama, Curtis, Mondoñedo, Padrón, Pontedeume, Ponteareas, Santa Comba e Vilamarín. O calendario completo está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolverán desde este mes e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*