Inicio » Actualidade » “Ensinar, non sen a poesía”

“Ensinar, non sen a poesía”

neg_RGE64Así se titula o monográfico da Revista Galega de Educación nº 64, editada por Nova Escola Galega, que tivo como coordinadores ao escritor e mestre Miguel Vázquez Freire e á coñecida poeta Rosalía Fernández Rial.

“Desde Alicia no País das Marabillas ata As aventuras de Tom Sawyer obsérvase unha constante na literatura anglosaxoa dirixida ao lectorado novo. Falamos da parodia dos recitados poéticos habituais nas aulas escolares británicas ou americanas, tal como se le nos relatos emblemáticos de Lewis Carroll e Mark Twain. Mais, naturalmente, hai parodia porque había recitados. En realidade, entre nós (falamos non só de Galicia, falamos de todo o ámbito da península Ibérica) o que non había daquela era literatura para a infancia, é dicir, publicacións especialmente concibidas para seren lidas por nenos e nenas. Fóra, claro, dos libros escolares. Había poesía nas aulas? Si: unha poesía que seguramente os nenos recitaban de memoria, como Alicia e o pobre Tom Sawyer (pobre porque se queda a medias no recitado, o seu nunca foi o éxito escolar), de contidos relixioso, moralizante e patriótico. Ben parodiable, logo. Mais cando por fin o asentamento definitivo dunha literatura para a infancia, tardío entre nós (e aquí “nós” é xa en Galicia e en galego), non hai apenas trazos nin desa poesía escolar nin, consecuentemente, da súa parodia. Seica a poesía está a ser desterrada das aulas. Unha catástrofe que non se inclúe nas estatísticas dos informes PISA nin da OCDE. Pero catástrofe á fin, pensamos nós. E contra esa catástrofe perfectamente evitable se erguen os artigos deste monográfico”.

Ademais, como en tódolos números, a publicación complétase co resto das seccións habituais: “Educación social e escola”, “A escola rural”, “Pensar o ensino”, “Xoguetainas e brinquetainas”…

A Revista Galega de Educación pódese solicitar baixo pedido en calquera libraría de Galicia, así como directamente á sede de Nova Escola Galega. Toda a información sobre a publicación aquí: http://www.nova-escola-galega.org/

Avance do número 65: A lingua en Educación Infantil

O número 65 da RGE estará centrado na análise da situación da lingua galega na etapa da Educación Infantil como consecuencia de todo o proceso lexislativo que foi apartándoa progresivamente do sistema educativo e, particularmente, dos primeiros chanzos do mesmo. As colaboracións centraranse na situación real dos centros, pero tamén se incluirán estudos e traballos de campo nos que queda en evidencia que é precisa, con urxencia, unha toma de decisións sen prexuízos e sen medos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*