Agroma a Primavera das Letras!

manuel-mariaA ritmo de rap iniciou o camiño esta semana o proxecto da Real Academia Galega.

Moi cerquiña de onde Manuel María, homenaxeado este ano co Día das Letras, viviu a derradeira etapa da súa vida, se presentaba este luns o proxecto Primavera das Letras da Real Academia Galega. A biblioteca do CEIP Curros Enríquez, no barrio coruñés de Monte Alto, acollía entre outros un rap co que alumnado do centro facía un percorrido musical pola biografía do homenaxeado, diante dunha audiencia onde estaba Saleta Goy, viúva do autor, emocionada coa enerxía e entrega dos cativos e cativas que interpretaron a peza.

Primavera das Letras é unha iniciativa deseñada para fornecer o profesorado, a través das novas tecnoloxías, de recursos didácticos que permitan traballar os contidos educativos relacionados co Día das Letras Galegas alén dos días previos ao 17 de maio e desde unha perspectiva interdisciplinar.

A cerna de Primavera das Letras é a páxina web academia.gal/primaveradasletras, desde a que se achegarán distintos materiais, dirixidos sobre todo ao alumnado de infantil e primaria. O proxecto está aberto tamén ás familias e a calquera usuario, que poderán acceder aos materiais pendurados neste espazo virtual de acceso libre.

Na presentación de Primavera das Letras interviñeron o director do CEIP, Antonio Leonardo Pastor; o secretario da Academia, Henrique Monteagudo; a coordinadora de normalización lingüística do colexio, Begoña Mosquera, e o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. As académicas Rosario Álvarez e Margarita Ledo e Saleta Goy, viúva de Manuel María, tamén participaron, xunto a outros membros da comunidade escolar, nun acto no que o alumnado acaparou o protagonismo. Dous grupos de estudantes recitaron os poemas de Manuel María “Galiza”, d’Os soños na gaiola; e “A fala”, d’As rúas do vento ceibe; e outro interpretou o Rap Manuel María. Guiado polo profesor de música Víctor González Buján, narrou a vida de quen será homenaxeado no Día das Letras Galegas con este pegadizo retrouso: “Letras Galegas 2016 / con Manuel María /queremos aprender! /Escritor comprometido /coa nosa Galiza /escoita o que cantamos / non teñas preguiza!”.

O director do centro foi o encargado de abrir o acto cunha intervención na que salientou que o CEIP Curros Enríquez leva dezaseis anos traballando en proxectos de dinamización e fomento da lingua galega e avogou pola relación entre o colexio e institucións como a Academia. “Nós gañamos que os nosos alumnos teñan máis vivencias, máis experiencias, favorecer a súa formación como persoas”. Tras as palabras de Antonio Leonardo Pastor, que reivindicou tamén o labor de Manuel María en defensa da lingua galega, Henrique Monteagudo presentou o proxecto, que “nace da demanda sobre todo do profesorado e dunha preocupación da Academia”. “Recibimos con moita frecuencia visitas de estudantes e os profesores sempre nos fan notar a conveniencia de que a Real Academia Galega cree materiais didácticos relacionados coa lingua e a literatura galega, que son moi ben recibidos polo profesorado nos centros”, explicou Henrique Monteagudo.

rap-manuel-mariaUnha estación para a nosa literatura

Con estes recursos preténdese contribuír ademais estender a celebración e que “o Día das Letras Galegas sexa algo máis ca un día”. De feito, Primavera das Letras fornecerá de novos recursos a comunidade educativa ao longo de toda a primavera, ata mediados do mes de xuño, achegándolle desde fichas didácticas a actividades interactivas. Os contidos estarán ademais accesibles na web todo o ano co propósito de poderen ser empregados en calquera momento, xerando pouco a pouco un banco de recursos que pretende ser útil para toda a comunidade escolar.

As actividades das fichas didácticas están interrelacionadas con distintos contidos do currículo escolar para facilitaren un enfoque globalizador e interdisciplinar e a súa utilidade en calquera momento. Deste xeito, poderanse traballar na aula contidos de literatura galega, a expresión oral e escrita, aspectos relacionados co coñecemento do medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística e a creatividade. Todo isto, a través do universo literario de Manuel María, “unha figura especialmente adecuada para iniciar este proxecto, pola importancia que ten a obra que dedicou de forma específica ao público infantil”, e na que abondan os versos referidos aos ríos, a paisaxe e outros elementos do medio natural, concluíu Monteagudo.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, pechou o acto loando as interpretacións do alumnado e agradeceu a hospitalidade do CEIP Curros Enríquez. Segundo recordou, Manuel María “escribiu polo menos corenta poemas en defensa da fala”. O recitado polo alumnado do colexio de Monte Alto, “A Fala”, “é un poema moi atinado para empezar a Primavera das Letras”, recoñeceu Alonso Montero, que puxo tamén en valor a defensa da fala e da xustiza social que mantivo o escritor que lle dá nome a este centro educativo, figura esencial desde a emigración na Habana no nacemento da Real Academia Galega no ano 1905, recordou.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*