Novas actividades na Primavera das Letras

manuel-mariaPoñer a proba parte do aprendido sobre a vida e a obra de Manuel María e, sobre todo, gozar dos seus versos e profundar no seu significado e na realidade que representan. Estes son os obxectivos das novas actividades interactivas que o proxecto web Primavera das Letras pon a disposición da comunidade escolar para comezar a semana, centradas en dous dos poemas máis populares do escritor: “O Carro” e “A Fala”.

A medida que se vaia achegando o 17 de maio, a Real Academia Galega irá ofrecendo á comunidade escolar, a través de academia.gal/primaveradasletras, máis recursos para mergullar o alumnado de xeito lúdico no mundo de Manuel María, a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Deste xeito, esta mesma semana sumaranse á oferta de actividades xogos interactivos arredor dos poemas “Proclama aos peixes do río Miño” e “Carné de identidade”.

Primavera das Letras naceu o pasado 11 de abril para fornecer a comunidade educativa de contidos relacionados coa lingua e a literatura galegas arredor da celebración do Día das Letras Galegas. Un dos propósitos é promover que a celebración se estenda alén do 17 de maio e os días previos. Para iso, o proxecto web ofrece materiais cun enfoque interdisciplinario que facilita o seu uso en calquera momento. As actividades propostas permiten traballar de maneira amena, ademais de contidos de literatura galega e da expresión oral e escrita, aspectos relacionados co medio natural, as ciencias sociais ou a educación artística.

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*