A diabetes para un adolescente

A vida para un diabético non é como a xente pensa. O resto das persoas que non son diabéticas crense que todo consiste en picarse insulina ou tomar as pastillas apropiadas, segundo o tipo de diabetes, pero a cousa é máis complicada.

Hai que levar a cabo un control estrito do que se come, controlando todo mediante racións. Tamén hai que facer os correspondentes controis de azucre para poder telo en orde durante todo o día.

diabetesPero ben, é algo co que se ten que convivir toda a vida e un afaise co tempo… Ao comezo, cando me dixeron que era diabético eu tería uns 13 anos e non sabía moi ben o que era, e poida que primeiro un se asuste pero co tempo empézalo a controlar e adoitas levalo ben, xa que un grupo de médicos e de enfermeiros no hospital ensináronme a telo controlado e a saber manexar a diabetes máis ou menos “ao meu antollo”… Ao principio foi difícil, xa que non sabía as medidas exactas de cada alimento pero co tempo comecei a manexalo e controlar as racións que podía comer e fun probando con varios tipos de insulina cos que poder ter máis controlada a enfermidade. Tamén, co tempo, funo asimilando como unha cousa que che sucede e da cal non se pode escapar… xa que é algo que se ten toda a vida e negándoo non se consegue nada.

O bo é que se fan cada día máis avances nesta enfermidade, hai uns anos non se ía nin a metade do adiantado que se vai agora! Antes a xente non tiña as facilidades que temos actualmente e non podían vivir igual que os demais, xa que debían ter un control mais estrito da enfermidade. Tampouco tiñan a metade de aparellos que temos agora os diabéticos para poder medir a glicosa ou para poder inxectarnos as insulinas de maneira que suframos o menor dano posible, con mini agullas e bolígrafos para inxectar a insulina con maior facilidade.

Tamén se están facendo moitos avances, que sairán nuns anos, como bombas de insulina que xa están a ser melloradas. Estas bombas funcionan como un páncreas, xerando insulina no canto de ter que estar un a se picar durante todo o día.

Tamén se esta avanzando moito no mundo dos transplantes para persoas diabéticas. Moitos diabéticos, á parte da perda de funcionamento do páncreas, sofren co tempo se non levan con coidado a enfermidade, danos noutros órganos do corpo como o ril, os ollos, e as extremidades. Estes poden ser danados por culpa do exceso de glicosa en sangue, que se ten se se leva un mal control da diabetes, provocando co tempo danos neses órganos e podendo chegar a causar a perda dos mesmos.

Por iso os médicos e científicos están a investigar cada día máis acerca dos transplantes destes órganos, para facilitar unha vida como a miña e a de milleiros de diabéticos máis en todo o mundo. Pero na actualidade aínda se realizan moi poucos transplantes e son moi difíciles de conseguir, o cal nos leva á necesidade de telo sempre todo ben controlado e facer unha vida saudable.

Aínda nos queda moito que aprender e por descubrir no que se refire a todo o relacionado coa diabetes, pero co paso do tempo iranse conseguindo cada vez máis avances para os afectados por esta enfermidade e cada vez conseguiremos levar unha mellor vida sen ter que preocuparnos tanto pola diabetes.

Moita sorte a todos os que leades esta publicación e un saúdo!

Alberto Torres Amado (17 anos no momento de escribir estas liñas)

Artigo cortesía da AEPAP (Asociación Española de Pediatras de Atención Primaria)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*