Santiago acolle o VII Campionato de Cálculo con Ábaco

campionato-calculoCatrocentos escolares de toda España, de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos, participarán este sábado 4 de xuño no certame.

Os participantes na competición terán a oportunidade de facerse co título de Campión Nacional de Cálculo. Para iso deberán realizar 70 operacións aritméticas en 5 minutos, utilizando unicamente como ferramentas un ábaco, a súa axilidade mental e as súas mans.

O alumnado porá así en práctica as habilidades aprendidas durante o curso a través do Aloha Mental Arithmetic. Este programa de desenvolvemento mental, que se imparte a 15.000 alumnos de 500 centros escolares de toda España, ensina aos nenos e nenas a realizar as operacións matemáticas de sempre dun xeito diferente, máis rápido e máis eficaz.

A proba terá lugar no CEIP López Ferreiro, a partir das 9:00 horas. Os nenos e nenas participarán en distintas categorías, de acordo coa súa idade e formación. Os premios aos Campións Nacionais de Cálculo entregaranse ás 17:30 horas no Teatro Principal de Santiago, o mesmo sábado. “O obxectivo non é realizar unha competición ao uso, senón máis ben unha gran festa na que os nenos se poñan a proba a si mesmos, gocen con esta actividade e poñan en práctica os valores que promove Aloha Mental Arithmetic dende o primeiro día de clase: a constancia, o esforzo e a aceptación das diferencias individuais”, afirman dende esta entidade.

O evento está organizado por Aloha Mental Arithmetic en colaboración co Departamento de Educación e Cidadanía.

Máis información

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*