Inicio » Actualidade » ‘Durme Elsiña’, de Colaxe gañadora da festa da música infantil galega

‘Durme Elsiña’, de Colaxe gañadora da festa da música infantil galega

quero-cantar-galO poder da canción como “unha maneira de transmitir a nosa lingua, de usala e de contaxiala”.

“O máis relevante é que o “Quero Cantar” fixo que nenos e nenas cantaran na nosa lingua. Vivimos un momento excepcional para a música infantil en galego mais é preciso aínda animar ás crianzas a que se boten a cantar e ese era un dos obxectivos do concurso”, sinalou Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, que defendeu na súa intervención o poder da canción como “unha maneira de transmitir a nosa lingua, de usala e de contaxiala”.

Na gala celebrada a pasada semana no Teatro Colón da Coruña onde competiron os grupos finalistas desta primeira edición do concurso de música infantil ‘Quero Cantar’, o xurado, formado por cinco nenas e nenos de diferentes etapas de educación primaria, elixiu como gañadora a peza “Durme Elsiña”, do grupo Colaxe, banda chegada do Concello de Laxe. Hai que lembrar que o grupo gañador leva como premio a gravación dun videoclip e 300 euros para a compra de material musical.

Formado na vila costeira de Laxe, este grupo formado por catro compoñentes ten unha salientable vocación didáctica xa que adoitan facer actuacións para público familiar nos que a interactuación cos asistentes cobra sempre un papel especial. O guitarrista, Fernando, compuxo o arrolo ‘Durme, Elsiña’ para lle cantar á súa filla Elsa cando esta era pequena. Agora Elsa ten sete anos e é ela mesma quen o interpreta neste ‘Quero Cantar’.



Festa da música infantil

Na gala actuaron tamén os outros catro finalistas, que reciben cadansúa cantidade para a compra de material. Ademais, estas cinco cancións finalistas, xunto con outras cinco cancións que as acompañaban na fase previa, pasan a formar parte do disco ‘Quero Cantar 2016’, que a Deputación da Coruña vai editar e distribuír entre colexios públicos de toda Galicia e que tamén se poderá descargar de balde desde a páxina web www.querocantar.gal.

O nome do concurso, Quero Cantar, está tirado dunha coñecida copla popular que recolle ben o espírito do que pretende ser esta iniciativa, na que prima a creatividade e onde se reivindica o gusto pola música e o canto. Ese espírito foi o que se viu reflectido sobre o palco do Colón cando, no remate da gala, tras a lectura do veredicto, todas as bandas interpretaron xuntas o retrouso dese Quero cantar que xa se converteu en sintonía oficial do certame.
As outras pezas finalistas :
Leila Santos:

Leila Santos é unha nena do Porto do Son que ten 9 anos e que se presentou ao Quero Cantar coa rumba ‘A árbore tropical’, da que ela mesma fixo a letra. Acompáñana o pai e os compañeiros deste no grupo de rumba Os mordecáns.

Colexio Manuela Rial Mouzo:

O Manuela Rial Mouzo é un cole de Cee que ten gran tradición musical. Animados polo mestre de música José Carbia preparon o tema ‘Soños’ para o Quero Cantar.

Xente Miúda de San Orente:

Este grupo está formado por alumnado de música e baile tradicional da asociación Xente de San Orente, na Serra de Outes. Acompáñaos ao acordeón o seu mestre Gustavo Couto. Para a letra escolleron o poema ‘Escola’ de Manuel María.

Banda Batuke do Colexio Fillas de Xesús, da Coruña:

Dez nenas e nenos deste colexio, guiados pola súa mestra de música, Elisa Alcalde, compuxeron letra e música da canción ‘Samaín’, que interpretan a ritmo de batukada cunhas percusións construídas a partir de obxectos de reciclaxe.

One Response to ‘Durme Elsiña’, de Colaxe gañadora da festa da música infantil galega

  1. Pingback: O ‘Quero Cantar’ agarda polas vosas pezas! | Botóns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*