Pautas para un verán saudable segundo os pediatras de Atención Primaria

veran-praiaAs precaucións na auga e co sol son esenciais para que os máis pequenos gocen dun verán sen riscos.

Remataron as clases e chega a calor: piscinas, sol, praia, viaxes e máis tempo ao aire libre. Os nenos e nenas son os protagonistas do verán, pero son necesarias unhas mínimas pautas para que os máis pequenos da casa poidan gozar das vacacións sen riscos para a súa saúde. A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP) ofrece algúns consellos para os meses máis calorosos do ano.

Seguridade na auga
Coidado: todos os anos morren nenos afogados por falta de supervisión. A auga é un dos elementos que máis lles preocupa aos proxenitores nestas datas, pero existen unha serie de pautas que poden facer que a cativada se manexe sen riscos no medio acuático. Na medida do posible é importante ensinarlles aos nenos a nadar e mergullar desde cativos. Lembrádelles que tenten bañarse acompañados, xa que é máis divertido e poderán pedir axuda se teñen algún problema. Se quedas no borde da auga, non os perdas de vista, e asegúrate de que eles poden verte (recorda que nunca debes deixar un neno ao coidado doutros nenos). Desde cativos, incúlcalles a importancia de coñecer e respectar as zonas de baño e os sinais de advertencia, así como as indicacións das bandeiras da praia.

Lembra que ti es o mellor exemplo para teu fillo. Non te metas na auga de xeito brusco, nin te botes de cabeza sen comprobar antes a profundidade.

Ollo co sol
Usa sempre cremas protectoras solares, con factor 15 ou superior. E se é posible, recorda aplicalas trinta minutos antes de estar exposto ao sol e volve aplicalas cada dúas horas e despois do baño. Protexe os teus ollos e os de teus fillos con gafas de sol. Os raios de sol poden lesionar a pel e os ollos, producindo queimaduras e cancro.

E recorda, importante tamén, dálles de beber auga de xeito continuo e procura que estean á sombra.

O tema do sol témolo tratado en veráns anteriores dende Botóns, polo que vos recordamos algunhas ligazóns que podedes consultar:

Primeiros auxilios: que podo facer eu?
Case sempre, a primeira persoa que atende unha emerxencia non é un profesional sanitario, senón un familiar ou viandante. Por iso é bo ter uns coñecementos básicos para saber que facer nestas situacións, axudando a accidentados ou enfermos repentinos mentres chegan os sanitarios.

O máis importante nestes escenarios é conservar a calma e tratar de evitar novas lesións ou que se agraven as existentes. É importante non mover o neno accidentado, agás que corra perigo no lugar onde está ou que haxa que practicarlle unha reanimación cardiopulmonar. Mentres o persoal sanitario chega ata o lugar, debe tranquilizar o ferido e mantelo quente; non é recomendable darlle comida, bebida nin medicación.

Recorda que a actuación básica en primeiros auxilios resúmese nas siglas P.A.S (Protexer, Avisar, Socorrer).

PROTEXER: Facer seguro o lugar do accidente. Lembrando que sempre é mellor afastar o perigo que mover o accidentado. Por exemplo: cortar a corrente se é un caso de electrocución, controlar o lume e ventilar se hai fume, aparcar ben e sinalizar o sinistro se hai un accidente de tráfico…

AVISAR: Chamar ao 112. Recorda: en primeiro lugar hai que identificarse. Despois, informe do lugar exacto, tipo de accidente, e as circunstancias que o poden agravar. Débese informar tamén do estado do paciente e das súas feridas.

SOCORRER: Sempre hai que ter presentes dúas prioridades: salvar a vida e evitar que as lesións se agraven. Farase unha valoración primaria para identificar as situacións que poden ameazar a vida (estado de consciencia, respiración, circulación sanguínea, buscar pulsos, hemorraxias…) e unha valoración secundaria analizando o resto de lesións, seguindo orde descendente desde a cabeza deica as extremidades.

Se a persoa está consciente e é capaz de comprender, hai que tranquilizala e ofrecerlle confort ata que cheguen os sanitarios. Se non reacciona pero si respira, hai que colocala en posición de seguridade (posición lateral, extender un brazo por enriba da cabeza e flexionar a rodilla para estabilizalo). Se non respira haberá que iniciar a reanimación cardiopulmonar básica.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*