Inicio » Planeta Verde » O alumnado arzuán destacou este curso xogando “cos erres”

O alumnado arzuán destacou este curso xogando “cos erres”

O certame Recíclate con Sogama decidiu esta semana os proxectos ambientais gañadores.

Co seu proxecto “Xogamos cos erres”, o CPR A Nosa Señora do Rosario de Arzúa mereceu o primeiro premio no concurso que organizou o programa educativo ‘Recíclate con Sogama’. O alumnado arzuán competiu canda outros trece centros de diferentes comarcas galegas durante o xa finalizado curso 2015-2016.

reciclate-con-sogamaUn xurado presidido polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, no que se integraron tanto portavoces desta empresa pública como da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, foi o encargado de designar aos gañadores tras analizar as memorias de actividades desenvolvidas ao longo dos últimos meses por todos os centros adscritos a esta iniciativa. Hai que lembrar que Recíclate con Sogama é un programa enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia que se orienta cara a mellor xestión dos residuos urbanos, pretendendo fomentar a práctica efectiva do principio dos tres erres: Reducir a produción de residuos mediante hábitos de consumo responsables; Reutilizar os produtos, alongando ao máximo a súa vida útil; e Reciclar a través da correcta separación dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva, garantindo con isto a súa conversión en novos produtos.

Ademais da rapazada arzuán, mereceron tamén recoñecemento o CEIP Celso Currás, do concello lugués de Trabada, que conseguiu o segundo premio co proxecto “Os 3R no Currás”, e o CEIP Plurilingüe de Tui, coa iniciativa “Reciclarte”. Os tres colexios serán obsequiados por Sogama con vales económicos por importe de 600, 400 e 200 euros respectivamente, que necesariamente deben destinar á adquisición de material escolar.

Un compromiso para todo o curso
No marco desta iniciativa, os centros participantes reciben diversos medios didácticos (folletos, presentacións, vídeos, xogos, carteis, etc) así como illas de reciclaxe e composteiros. As illas de reciclaxe están integradas por tres colectores de 120 litros: amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para os de cartón e papel; e verde, para a fracción resto.

Co mesmo obxectivo ambiental, as escolas que teñen servizo de comedor recibiron un composteiro, posibilitando a transformación da materia orgánica xerada nun abono natural de calidade a aplicar nas súas hortas e/ou xardíns.

Alén dos tres centros premiados, o xurado concedeu tres accésits de recoñecemento: o primeiro accésit levouno o CEIP Laredo de Redondela (Pontevedra), co proxecto “Laredo Recicla 2”; o segundo recaeu no CPI Aurelio Marcelino Rei García de Cuntis (Pontevedra), con “Eu reciclo, Cuntis recicla 2”, e o terceiro, no CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense, con “Reciclando cos nosos amigos Papelote, Lixiña, Bricki e Vidriño”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*