Saúde e terra, irmá(n)s!

Exposición no Museo do Pobo deica o 31 de xullo.

Viaxamos cen anos atrás para ver e oír o momento do nacemento das Irmandades da Fala, un movemento político e cultural que marcou para sempre a historia do país. Dez temas estruturan a mostra na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, alén de escoltar gravacións musicais e discursos.

rp_museo-do-pobo-galego.pngSon 130 obxectos, entre os que poden encontrar curiosidades como os lentes de Vicente Risco, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade, o violín de Antón Losada Diéguez, doado por Manuel Quiroga… A mostra realizouse entre a Real Academia Galega, a Deputación da Coruña e o propio Museo do Pobo Galego que agora acolle esta exposición, entre outras fundacións e entidades que prestaron a súa axuda.

A mostra “Saúde e terra, irmá(n)s”, que abriu a súa itinerancia na Coruña, poderá verse ata o día 31 de xullo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, para continuar despois nos concellos de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Ferrol.

Centenario das Irmandades da Fala
A exposición forma parte das actividades que diversas institucións culturais e administracións -entre as que se encontra a Xunta- están desenvolvendo ao longo do ano 2016 para conmemorar o centenario da fundación da primeira Irmandade da Fala, fundada o 18 de maio de 1916 na Coruña.
Os días 7 e 19 de xullo, acompañando a súa presenza na capital de Galicia, terán lugar dúas sesións doutra desas actividades: o ciclo de debate “No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos”, organizado pola Real Academia Galega co apoio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura da Consellería de Cultura e Educación.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*