Eleccións Galegas 2016: Reflexións e propostas educativas de Nova Escola Galega

nova-escola-galegaO colectivo pon enriba da mesa de sociedade e formacións políticas un abano de ideas cara á nova Lexislatura.

O próximo 25 de setembro celébranse novas eleccións ao Parlamento de Galicia. Camiño desa data, e como xa teñen feito en ocasións anteriores, desde a asociación Nova Escola Galega achegan un documento con reflexións e propostas en materia educativa.

“Non deben ser concibidas como unha oferta de programa político, tarefa que non nos corresponde en tanto que movemento de renovación pedagóxica”, subliñan ao comezo do documento, que achega tamén algunhas reflexións xenéricas xa realizadas ao fío das eleccións xerais de decembro de 2015 e xuño de 2016.

I) Principios de actuación

1) A educación é un dereito universal e por iso debe estar ao alcance efectivo de todas as persoas, en condicións de equidade social no horizonte de construción dunha sociedade cada vez máis xusta, solidaria e libre.

2) Cómpre salientarmos a centralidade da educación pública e da consecuente política educativa ao servizo do dereito de todas as persoas e de cada unha en particular, das garantías da desexable cohesión social, dada a distribución desigual de oportunidades económicas, sociais e culturais socialmente dominante e dos complexos retos a afrontar para a construción dunha sociedade efectivamente democrática.

3) Hai que sinalar a prioridade do financiamento público, isto é dos centros educativos de titularidade e xestión pública, e loitar tamén desde as políticas públicas contra a vulnerabilidade e a fractura social e cultural, a onde conducen diversos procesos formativos e institucionais caracterizados pola segmentación e a distinción social.

4) É necesario impulsarmos unha mobilización cívica e democrática institucional contando cos actores implicados na comunidade educativa e co conxunto do tecido social, despois de dúas lexislaturas de xestión administrativa acentuadamente neoliberal, con ausencia dun proxecto político educativo acorde co Estatuto de Autonomía de Galicia. Asemade, cómpre fortalecermos o sentido deliberativo e a democracia participativa, así como as capacidades de acción e decisión das diversas instancias de xestión democrática das institucións educativas.

5) Reclamamos un sistema educativo galego e galeguizador, que se constitúe e impulsa desde as enerxías creadoras e cívicas dos galegos e das galegas, que responda ás necesidades culturais, científicas, técnicas e sociais de Galicia, que goce de identidade cultural específica como patrimonio e memoria que deben ser asento do noso horizonte colectivo, nunha contorna mundial de moi fortes mudanzas que nos afectan e ante as que debemos ter unha posición reflexiva, activa e participativa e non dependente.

6) No contexto dunha sociedade plural, que debe ser esixente en canto ao cumprimento da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e das súas traducións xurídicas internacionais, debe ser promovido o laicismo, a primacía da racionalidade na construción e investigación crítica do coñecemento, como tamén da racionalidade ética.parlamento-de-galicia

7) Nun escenario de busca da sustentabilidade e de uso racional dos recursos, a Administración galega, tamén no eido da educación, debe practicar a planificación, a coordinación e as economías de escala. A educación como servizo público ten moi alta proximidade con outros servizos públicos, sendo pois posible pensar na coordinación e cooperación para unha mellor eficiencia dos recursos humanos e, en particular, das infraestruturas como vía de loita tamén contra os desequilibrios territoriais, procurando unha atención específica, integral e inclusiva ás necesidades educativas do medio rural.

8) Se estes fosen obxectivos estratéxicos, cómpre traducilos en compromisos políticos concretos e definir áreas prioritarias de intervención.

II) Medidas a impulsar:

a) En relación co dereito de todas e todos á educación:

1) Incrementar a creación pública de prazas e centros de educación infantil para o ciclo 0-3, consonte co pertinente estudo diagnóstico e prospectivo de necesidades.

2) Revisar as normas relativas ás ratio escolares/docentes nas diversas etapas do sistema educativo e a posibilidade de axustes segundo necesidades metodolóxicas de acción docente, procedendo á súa aplicación. Favorecer os desdobres de aulas e a presenza de profesorado de apoio que permita a racional atención á diversidade educativa, así como reducir as circunstancias docentes actualmente relacionadas coas ‘materias afíns’.

3) Combater as circunstancias favorecedoras da discriminación e o abandono escolar, en particular relacionadas coa inmigración, a condición de clase social e a condición sexual.

4) Proceder a unha revisión dos tempos escolares e oportunamente dos calendarios, tomando en consideración as indicacións cronobiolóxicas actualmente inconsideradas, a conciliación de tempos familias-institucións escolares, impedindo que as distintas modalidades de “externalización” das aprendizaxes escolares (deberes, academias, programas de apoio de organizacións do terceiro sector…) acentúen a desigualdade.

b) En relación cos centros de educación:

1) Elaboración e aprobación dun novo regulamento orgánico de centros, tomando en consideración a reforma da lexislación educativa de alcance estatal á que se procederá previsiblemente.

2) Desenvolvemento efectivo da normativa en materia de atención á diversidade e adecuación da mesma ás necesidades reais do alumnado e do conxunto da Comunidade educativa, acompañadas dunha formación docente de calidade e da atención especifica de profesionais cualificados.

3) Fortalecer e intensificar os programas de innovación educativa, actualmente englobados no Programa Proxecta, tomando como punto de partida a idea dos “centros que aprenden e crean”, así como as posibilidades de traballo en rede e da constitución de redes de centros que estendan innovacións consideradas valiosas.

4) Cómpre potenciar as capacidades de xestión democrática dos consellos escolares, así como os equipos docentes e a súa estabilidade organizada e crítica, como garantía de desenvolvemento dos proxectos educativos de centro.

5) É necesario que os centros estean imbricados nos seus contextos socioculturais e coordinados, segundo os casos, no ámbito municipal ou comarcal. Iso poderá esixir a incorporación nas cadros de recursos humanos doutras persoas profesionais, como as ‘educadoras sociais’.

6) Hai que cualificar a todos estes efectos a dimensión pedagóxica e organizativa dos Centros de Formación do Profesorado e Recursos (CFR) e dos servizos de Inspección educativa.

7) Cómpre un esixente control das subvencións ao ensino privado concertado, sendo oportuno reducir progresivamente o destino de recursos públicos a estas subvencións, nun contexto de ampla existencia de prazas de escolarización pública. Deberán ser eliminados os concertos dos centros privados que segregan por sexo. É mester realizar un estudo público de diagnóstico das diversas situacións do ensino privado (concertado e non concertado) a fin de coñecer mellor os indicadores que favorecen prácticas de indesexable discriminación educativa. Será necesario tamén mellorar a oferta pública nos ciclos con máis demanda da FP, evitando que a maioría da oferta nalgúns deles sexa urbana e privada.

8) Hai que promover a xestión pública directa de todos os servizos complementarios do ensino público. Estes servizos (comedor, transporte, actividades extraescolares…) deben ter unha cobertura suficiente e con parámetros de calidade contrastada. A aspiración á súa gratuidade debe apoiarse na profunda revisión do réxime de fiscalización actual, evitando fórmulas de “copago” que non resolven o problema de fondo.

9) Co obxectivo de dotar as Ensinanzas Artísticas Superiores das condicións académicas que permitan rematar coa discriminación e a ambigüidade que marcan negativamente estes estudos, afastándoos dos parámetros de calidade doutros países da nosa contorna, a administración educativa debe iniciar un proceso de adscrición e integración destas ensinanzas no Sistema Universitario Galego (SUG). Isto permitirá, ademais, completar o mapa de titulacións do SUG, que presenta unha oferta moi limitada neste ámbito, e saír ao paso da crecente oferta que está facendo a universidade privada, a prezos inasumibles para unha parte moi importante do estudantado.

c) En relación cos currículos:

1) Hai que proceder á revisión dos actuais decretos curriculares mediante procedementos alternativos ás habituais condutas burocrático-administrativas, tendo presente un proxecto cultural suficientemente nítido e definido. Os currículos oficiais deben ser quen de adaptarse ás necesidades persoais e sociais reais, e a modelos pedagóxicos innovadores acordes cos avances sociais e tecnolóxicos.

2) É mester promover e difundir a oportuna documentación didáctica de acompañamento e de orientación para o profesorado, os centros e as familias, por medio das tecnoloxías dixitais.

3) A coordinación e as redes de centros deben permitir ampliar experiencias e distribuír orientacións de experimentación, con específica atención ás prácticas curriculares de aprendizaxe cooperativa e de comunidades de aprendizaxe.

4) Un axeitado desenvolvemento curricular vai unido á necesidade de velar pola elaboración e selección de recursos e materiais educativos facilitadores de aprendizaxes enriquecedoras e significativas para o alumnado, o que sen dúbida pasa pola necesidade de ofrecerlle ao profesorado tempos, espazos e formación para que poida elaborar ou adaptar materiais, tanto de carácter impreso como dixital. Asemade, cumpriría que a administración educativa asumise a difusión de materiais curriculares innovadores, recoñecendo e valorizando as experiencias pedagóxicas desde as que se deseñan e desenvolven. De redimensionar axeitadamente o papel dos libros de texto superaríase a polémica actual, ademais de liberárense partidas económicas que permitisen aos centros xestionar directamente a adquisición e elaboración de materias curriculares adaptados ao seu proxecto educativo. Sería igualmente indispensable que a administración educativa resituase as relacións co sector editorial para que non sexa o mercado o que condicione a educación, senón a educación a que oriente o sector editorial.

d) En relación co profesorado:

1) Precisamos favorecer a estabilidade laboral do profesorado e dos equipos docentes fronte ás políticas laborais que prexudican a calidade dos servizos públicos.

2) Cómpre promover procesos de revisión e actualización da formación inicial docente e do conxunto de profesionais da educación, con participación das organizacións representativas do profesorado, dos centros universitarios de formación inicial docente, dos centros educativos e da Administración educativa, de xeito que esta sexa suficientemente permeable ás transformacións socioculturais e aos retos que a sociedade actual formula en termos de elaboración e difusión do coñecemento, dos valores asociados á formación da cidadanía e das expectativas sociais en torno á educación como proxecto colectivo. Todos estes elementos obrigan a resituar as funcións dos profesionais da educación, e mesmo poden requirir a reordenación dos recursos humanos e científicos dispoñibles, así como a oferta académica na que se asenta a formación inicial destes profesionais no sistema universitario galego.

3) Cómpre revisar os criterios e as programacións actuais relativas á formación en servizo do profesorado no marco dos principios e medidas aquí sinaladas. Falamos dunha formación permanente acorde coas necesidades reais dos profesionais docentes, dos centros educativos, da comunidade educativa e da sociedade en xeral. Hai que abrir un novo escenario relativo á profesión docente en Galicia: motivación, función social, impulso creador que precisa dun adecuado recoñecemento tanto profesional como social.

4) Sería oportuno incorporar na formación inicial e en servizo do profesorado a experiencia, as capacidades e os coñecementos adquiridos e recoñecidos por unha parte singular do profesorado, mesmo entre aqueles que por razón de idade se acollen á procesos de xubilación anticipada.

5) O acceso á función pública precisa dunha efectiva revisión e actualización consonte cos avances científicos e cos retos educativos. Debe rexerse por criterios que garantan a obxectividade, rigorosidade, transparencia e igualdade de oportunidades. Débese realizar un estudo rigoroso sobre a previsión da matrícula de alumnado nos vindeiros anos, así coma das xubilacións, que permita a planificación e publicación das prazas a crear durante a lexislatura. Malia non ser competencia directa, o goberno galego debe exercer a presión necesaria sobre a taxa de reposición para conseguir a derrogación desta medida e, no entanto, velar pola aplicación menos restritiva posible da mesma.

e) En relación coa galeguización:

1) É necesario aprobar un Decreto de Normalización da Lingua Galega no ensino que fomente o dominio e uso escolar e social do galego, superando a actual situación de minusvaloración individual e social á que contribúe o presente e efectivamente diglósico Decreto do plurilingüismo. Debe estar inscrito nunha política xeral que promova o uso e a dignificación do galego como lingua propia dos galegos e galegas.

2) É mester promover o coñecemento e comprensión da lingua portuguesa, mediante unha aprendizaxe lingüística comparada, tomando en consideración a proximidade lingüística cos países de lingua portuguesa. Neste sentido, cómpre un esforzo sostido a fin de que se poida ensinar o portugués como segunda lingua estranxeira optativa na xeneralidade dos centros de educación secundaria.

3) Precisamos crear unha dotación de materiais e recursos didácticos de calidade en galego, diversificados e actualizados. É imprescindible unha importante actuación da Administración educativa, tanto para materiais en formato impreso como dixitais. Neste senso, é necesario o fornecemento de ferramentas de creación e adaptación libres, cooperativas, motivadoras, facilmente adaptables e deseñadas respectando os parámetros de accesibilidade web.

4) Cómpre revisar profundamente o deseño e posta en práctica dos chamados programas bilingües e multilingües desde a perspectiva da súa orientación ao conxunto do alumnado e do respecto ao necesario afianzamento da nosa lingua propia, evitando que sexan usados para a selección do alumnado, mingúen o axeitado coñecemento científico e minimicen a presenza da nosa lingua no currículo.

III) Horizontes

1) Precisamos desenvolver unha ampla concertación social democrática encamiñada a un Acordo nacional galego pola educación, como estratexia política e contexto onde podermos asentar unha Lei Galega de Educación, concorde cun novo escenario constitucional español, e onde se afirme a vontade cívica e política de futuro da cidadanía galega.

2) Precisamos un Acordo nacional galego pola lingua, que implique a oportuna revisión do Plan Xeral de Normalización de 2004, dándolle agora a precisa forza de lei.

3) Precisamos un Plan galego de desenvolvemento comarcal e de escolarización nas contornas rurais, que incorpore transversalmente a acción de varias Consellarías da Xunta de Galicia, en conexión cunha axencia galega de planificación e desenvolvemento dos servizos públicos, para reverter o proceso de desmantelamento das contornas rurais.

4) As anteriores propostas requirirán unha ampla transformación da dinámica burocrática e de parálise actual das capacidades de participación, debate e consulta previstas para o Consello Escolar de Galicia e demais consellos contemplados legalmente.

5) Cómpre crear un Instituto galego de investigación educativa, de desenvolvemento curricular e de formación e innovación didáctica, consorciado entre a Xunta de Galicia e as universidades públicas de Galicia, baixo un Consello académico e directivo con precisa e democrática participación e representación profesional e social. Neste sentido, é necesaria una Axenda galega de investigación educativa, dotada dun adecuado órgano de comunicación científica.

Nova Escola Galega – Agosto de 2016

O documento completo para descarga na web de Nova Escola Galega: .pdf

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*