Como introducir as crianzas no mundo dos libros? A lectura, unha chave de futuro

chave-de-futuro-lectura-interiorCase ningún pai ou nai discute que o hábito lector é bo para o futuro dos seus pequechos, mais sabemos como incentivalo? A esta e a outras preguntas intenta responder a guía dixital A lectura, unha chave de futuro, un proxecto de Letra en Obras, o portal educativo Botóns e da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

A guía, presentouse este venres na Sala Infantil da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago, coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal. O responsable autonómico de Cultura, Anxo Lorenzo, sinalou na presentación que o manual “pretende animar á lectura e concienciar as persoas responsables de educar os máis pequenos da importancia do hábito lector, para o que presenta ferramentas de utilidade coas que inculcarlles a lectura aos cativos”.

O recurso, xa dispoñible para a súa consulta e descarga, está dividido en dez apartados nos que se describe a importancia do hábito lector para o futuro das crianzas, os primeiros pasos na animación á lectura, o tipo de libros máis axeitados para cada idade, regras básicas para a lectura en familia, o papel das librarías e bibliotecas ou propostas de actividades para facer na casa cos pequechos.

Un dos bloques máis destacados do traballo é o que leva por título “Compartindo experiencias”. No mesmo diferentes pais e nais, escritoras, profesores ou libreiras contan a súa experiencia e dan algunhas claves para o día a día na animación á lectura. Algunhas destas entrevistas poden tamén están accesibles na web.

lectura-unha-chave-de-futuroGuía de narrativa para prelectores e primeiros lectores

Tamén na mesma comparecencia diante dos medios a Secretaría Xeral de Cultura presentou a Guía de narrativa para prelectores e primeiros lectores, coeditada por ELOS-Galicia, baixo a coordinación da profesora da USC Blanca-Ana Roig Rechou, ofrece unha selección das obras deste xénero máis relevantes da literatura infantil e xuvenil galega, co fin de facilitar e acompañar a tarefa do mediador na selección de textos e na planificación da educación literaria.

Cada un dos títulos, da autoría de Fina Casalderrey, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz, Xoán Babarro e Ana María Fernández, e Paula Carballeira, acompáñase de información sobre o contexto das obras e os escritores, xunto cunha serie de actividades para traballar cos textos elixidos en diferentes espazos formativos e lúdicos.

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*