Compostela+Solidaria, programa de sensibilización respecto da realidade dos países empobrecidos

compostela-solidariaO concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD poñen en marcha a partir do 17 de setembro ‘Compostela+Solidaria’, un programa de sensibilización con máis de 30 actividades programadas que ten por obxectivo dar a coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que dende o local contribúen a mudar o mundo. A iniciativa, que coincidirá coa campaña electoral cara o 25 de setembro, é unha excelente oportunidade para que as ONGD galegas amosen dende a práctica cales son as súas propostas para promover unha política pública de cooperación de calidade.

É primeira vez que o concello de Santiago de Compostela e a Coordinadora Galega de ONGD colaboran para traballar conxuntamente na sensibilización da cidadanía compostelá sobre as causas e consecuencias da pobreza e as desigualdades globais. Tamén, para promover a responsabilidade individual e colectiva na transformación dun mundo no que hoxe 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema; no que as cifras de desigualdade non teñen precedentes; no que somos testemuñas do maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial e no que o actual sistema económico está a xerard esequilibrios medioambientais e sociais que levaron a nunha situación de crise ecolóxica.

Que propoñemos para mudar o mundo?
1. RECUPERAR A POLÍTICA PÚBLICA E SOCIAL DE COOPERACIÓN AO DESENVOLVEMENTO
Impulsar un crecemento anual progresivo e previsible que teña sempre como horizonte o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia en materia Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), partindo dun mínimo de 6 millóns de euros e acadando de forma progresiva e planificada o 0,2% ao final da lexislatura.

2. PROVER RECURSOS DE CALIDADE, RESPONSABLES E PREVISIBLES
Establecer compromisos plurianuais de gasto e garantir a publicación anual das distintas convocatorias de axudas en concorrencia competitiva previstas no III Plan Director de Cooperación Galega e con condicións normativas adaptadas á realidade da cooperación ao desenvolvemento. As convocatorias seguirán a ser o principal instrumento para a xestión das axudas da política galega de cooperación ao desenvolvemento e recoñecerán o papel das ONGD como axentes imprescindibles no impulso do desenvolvemento humano sostible.

3. DEFENDER A IGUALDADE DE XÉNERO NO MUNDO

Apoiar e promover medidas para eliminar a discriminación por motivos de xénero que rachen coa feminización da pobreza, canalizando fondos cara estratexias que fomenten o cumprimento dos dereitos humanos na vida das mulleres.

4. EDUCAR PARA A CIDADANÍA GLOBAL

Garantir unha dotación orzamentaria dun mínimo do 10% do total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia á Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, unha estratexia mprescindible para a construción dunha sociedade activa, crítica e preocupada polos temas colectivos.

5. PROMOVER UNHA ACCIÓN HUMANITARIA Á ALTURA DOS RETOS ACTUAIS
Recuperar a convocatoria aberta e permanente de axuda humanitaria e mantela cunha dotación orzamentaria anual dun 10% do total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia. Incorporando a normativa en materia de calidade da axuda humanitaria establecida internacionalmente. Apoio ás demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.

6. IMPULSAR A AXENDA 2030 E A COHERENCIA DE POLÍTICAS
Todos os niveis de gobernos teñen que impulsar a implementación da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e poñer o foco na loita contar a pobreza, as desigualdades e a crise ecolóxica. E deben facelo con políticas coherentes co desenvolvemento humano sustentable no conxunto da acción de goberno. Falamos de que os gobernos de todos os niveis establezan cláusulas sociais e ambientais na contratación pública, aposten pola Compra Pública Ética (Comercio Xusto, Banca Ética e Economía Solidaria e Alternativa ) ou promovan a transparencia nas administracións públicas así como a cultura de participación cidadá. Tamén, que se garanta o cumprimento dos dereitos humanos tanto dentro como fóra das nosas fronteiras: o dereito á vivenda e o hábitat, á saúde, a servizos básicos como auga ou a enerxía, etc.

7. ESTABLECER MEDIDAS PARA QUE O SECTOR PRIVADO NON TEÑA UN IMPACTO NEGATIVO NO DESENVOLVEMENTO
Crear mecanismos que garantan que as empresas manteñen unha actuación responsable tanto en Galicia como cando se establezan en países empobrecidos. Iso pasa por respectar os dereitos humanos, o medio e os dereitos laborais e non permitir a evasión fiscal ou elusión fiscal e a presenza en paraísos fiscais. No eido concreto da definición de programas e proxectos de cooperación internacional o protagonismo debe ser da sociedade civil.

8. FOMENTAR A PARTICIPACIÓN REAL E EFECTIVA DA SOCIEDADE CIVIL
Institucionalizar a participación das organizacións da sociedade civil (OSC). As OSC terán un papel recoñecido no deseño, organización e xestión das políticas públicas, para o cal se deben eforzar os espazos de diálogo e consulta, e se deben garantir mecanismos para ter unha sociedade informada e implicada.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS DO 17 DE SETEMBRO AO 16 DE OUTUBRO

SÁBADO 17 DE SETEMBRO

Feira de Economía Social
Praza 8 de marzo (San Pedro)
Horario de actividades
11:30 Almorzo de Comercio Xusto. Será de balde!
12:00 Contacontos “Esta historia é a pera”
12:00 Gravación en directo dun programa de radio da man de AGARESO
13:00 Charla “Migracións forzosas: Tres historias de vida”
15:00 Xogos Cooperativos
17:00 Micro aberto para proxectos sociais. Contarán a súa experiencia Prestogal, Asociación Raíces
do Lusco e calquera que queiran compartir a súa andaina.
18:00 Obradoiro de Tecnoloxías Apropiadas. Construción de xoguetes, filtros de auga e bomba de
mecate con materiais reutilizados.
19:30 Concerto de peche con Alberto Mvundi

Actividades permanentes
– Postos de información e venda de alimentación e artesanía.
– Exposición “A Comunicación para o Desenvolvemento en imaxes”

MÉRCORES, 21 DE SETEMBRO
Obradoiro “ A revolución dos coidados”

19:00 horas
Centro Sociocultural Brañas de San Andrés.
Neste obradoiro, dinamizado por InteRed, proxectaranse distintas curtometraxes sobre a ética dos
coidados. Logo, haberá unha mesa redonda na que participará parte do movemento social activo
do barrio e na que se reflexionará sobre a “crise dos coidados” e sobre a necesidade de poñelos no
centro da vida.
A partir de 10 anos

Obradoiro de Teatro Foro
19:30 horas
Centro Sociocultural de Santa Marta
Tes entre 12 e 16 anos e gústache o teatro? Este é o teu obradoiro!
O grupo de Teatro da Asemblea de Cooperación pola Paz organizará unha sesión de Teatro Foro
que xirará arredor da interculturalidade e a tolerancia. Ademais de desfrutar da representación da
peza, terás a oportunidade de ser actor ou actriz por un día e e participar e reflexionar
colectivamente sobre problemas expostos.
De 12 a 16 anos

XOVES, 22 DE SETEMBRO
Obradoiro lúdico-artístico para reflexionar sobre as distintas culturas

17:30 horas
Centro Sociocultural de Santa Marta.
A rapazada poderá desfrutar dun obradoiro onde se mistura arte e creación co obxectivo de
reflexionar sobre as diferentes culturas do mundo. Este obradoiro está impartido por Taza Lunar en
colaboración coa Asemblea de Cooperación pola Paz.
De 6 a 12 anos

Obradoiro “ Dálle unha nova vida ao teu ordenador!”

18:00 horas
Centro Sociocultural O Ensanche.
Trae o teu vello ordenador para darlle unha segunda vida! Dende a ONGD Enxeñería sen Fronteiras
axudarannos a instalar outros sistemas operativos baseados no software libre que nos permitan
seguir empregando ordenadores que dabamos por perdidos.
A partir de 14 anos

Xogo-Performance “Globalización e interdependencia”
18:30 horas
Praza Roxa.
Gústanche os xogos de rol? Non perdas esta performance sobre desigualdades na que
Solidariedade Internacional Galicia convidará a participar todas as persoas que se acheguen á
praza. Será divertido!
Para todos os públicos

VENRES, 23 DE SETEMBRO
Obradoiro de contrapublicidade

18:00 horas
Centro Sociocultural de Conxo.
A ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios propón un obradoiro creativo e divertido:
modificaremos anuncios publicitarios para convertelos en mensaxes de denuncia da sociedade de
consumo. Seremos guerrilla de comunicación!
De 13 a 17 anos

Cine para desaprender a violencia
19:00 horas
Centro Sociocultural de Vite
Cine para divertirse, coñecer unha historia e aprender dende o diálogo. Será da man da ONGD
Educo e coa proxección de “Como adestrar o teu dragón”.
De 5 a 8 anos.

SÁBADO, 24 DE SETEMBRO
Obradoiro “Coñecendo o comercio xusto a través da cociña”

11:00 horas
Centro Sociocultural Fontiñas.
Solidariedade Internacional Galicia propón un obradoiro de repostería infantil no que se
empregarán ingredientes de Comercio Xusto e agricultura ecolóxica. Para aprender dende a
experiencia e co mandil posto!
De 6 a 12 anos

MARTES, 27 DE SETEMBRO
Charla “A situación actual das persoas refuxiadas. Unha análise xeral sobre a situación da
inmigración e o dereito ao asilo e o refuxio”.

18:30 horas
Centro Sociocultural de Vite.
Dende a ONGD H+D darán a coñecer a actual situación das persoas refuxiadas no mundo.
Explicarán cal é a política de asilo no ámbito da Unión Europea, os diferentes tratados que existen
e o seu impacto sobre cuestións fundamentais como os dereitos e as obrigas das persoas
refuxiadas.
Maiores de 16 anos

MÉRCORES, 28 DE SETEMBRO
Contacontos Intercultural
18:30 horas
Centro Sociocultural de Fontiñas.
Os contos serán o fío condutor para achegar realidades de países empobrecidos dende unha óptica
positiva. Será da man de Solidariedade Internacional Galicia.
De 5 a 10 anos

XOVES, 29 DE SETEMBRO
Documental “Tempos de Escoita”
19:30 horas
Centro Sociocultural O Ensanche.
Proxección do documental “Tempos de escoita” sobre a loita das mulleres congolesas polo dereito
á saúde. Da man da ONGD Farmamundi reflexionaremos sobre como afectan os roles de xénero á
hora de acceder aos servizos sanitarios e medicamentos esenciais e, polo tanto, á saúde das
persoas.
A partir de 14 anos

VENRES, 30 DE SETEMBRO
Obradoiro de clipmetraxes
17:00 horas
Centro Sociocultural de Pontepedriña.
Neste obradoiro dinamizado por Mans Unidas aprenderemos a crear vídeos de 1 minuto sobre
temáticas diversas: medio ambiente, dereito á alimentación, comercio xusto ou igualdade de
xénero. O obxectivo: participar activamente na loita contra a pobreza e as desigualdades.
A partir de 10 anos

Obradoiro “ A revolución dos coidados”
18:00 horas
Centro Sociocultural de Conxo.
Neste obradoiro, dinamizado por InteRed, proxectaranse distintas curtometraxes sobre a ética dos
coidados. Logo, haberá unha mesa redonda na que participará parte do movemento social activo
do barrio e na que se reflexionará sobre a “crise dos coidados” e sobre a necesidade de poñelos no
centro da vida.
A partir de 10 anos

EXPOSICIÓNS

• DO 15 DE SETEMRBO AO 16 DE OUTUBRO
◦ As mulleres alimentan o mundo
Centro Sociocultural de Amio
Solidariedade Internacional Galicia

◦ Comercio con sentido
Centro Sociocultural de Castiñeiriño
Solidariedade Internacional Galicia

◦ Desde el Sur. Honduras
Centro Sociocultural de Vite
Asemblea de Cooperación pola Paz
A partir de 16 anos

◦ Sáhara
Centro Sociocultural de Roxos
Enxeñería Sen Fronteiras

◦ Auga Sen Fronteiras
Centro Sociocultural A Rocha
Enxeñería Sen Fronteiras

◦ Os dereitos das nenas e dos nenos
Centro Sociocultural de Santa Marta
Educo

◦ Educación, camiño de futuro
Centro Sociocultural A Trisca
Educo

◦ A explotación laboral infantil, Bangladesh 5 anos despois
Centro Sociocultural Figueiras
Educo

◦ Destino incerto
Centro Sociocultural de Conxo
Terra de Homes

◦ África: cuestión de vida, cuestión debida
Centro Sociocultural de Laraño
FISC

◦ Feminización da pobreza
Centro Sociocultural de Vite
FISC

• DO 15 DE SETEMBRO AO 28 DE SETEMBRO
◦ Auga para o desenvolvemento. Dominicana e Hait
Centro Sociocultural O Ensanche
Fundación H+D

• DO 28 DE SETEMBRO AO 16 DE OUTUBRO
◦ Outras realidades
Centro Sociocultural O Ensanche
Enxeñería Sen Fronteiras

◦ Wanawake: Defensoras da saúde
Centro Sociocultural de Fontiñas
Farmamundi

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*