Que pasará coa LOMCE se hai novo goberno a curto prazo en España… e se non o hai?

lomceAs apelacións constantes á “urxencia” de formar goberno son repetidas día si e día tamén desde o actual goberno español en funcións. Parecera, á luz dalgúns discursos, que unha infinidade de obstáculos paralizantes se veñen sobre a actividade das administracións se o desacordo parlamentario non se resolve… Pero, tomando como exemplo o ámbito educativo, o certo é que o goberno en funcións non parece ter problema en seguir o seu guión LOMCE ao cento por cento.

Pasara apenas un mes desde a última cita coas urnas cando, mantendo o seu roteiro, o goberno español en funcións aprobaba un decreto para a regulación das reválidas da ESO e Bacharelato que contemplaba a LOMCE. E isto facíao a pesar de que a LOMCE é en si unha das leis de maior contestación social e máis criticada por todo o conxunto do arco parlamentario español.

A aprobación deste decreto malia saber que calquera negociación, a un ou outro lado do espectro político, levaría a reformulacións dese marco lexislativo, lévanos á paradoxal situación creada a finais de agosto, cando o pacto PP-Ciudadanos recollía especificamente o compromiso de impulso dun Pacto Nacional pola Educación cuxo proceso incluiría, recolle o documento asinado por ambas as formacións, que se “conxelará o calendario de implementación da LOMCE en todos aqueles aspectos que non entrasen en vigor”.

A ironía é que, na práctica, non haberá nada que “conxelar” porque todo está xa en vigor, incluso as propias reválidas que non terían que realizarse ata finais do curso en 2017, foron xa “atadas” no mencionado decreto. Neste escenario, se finalmente prosperase o pacto PP-Ciudadanos con outros apoios parlamentarios é improbable que nada cambiase coa maquinaria burocrática do curso xa en marcha e, como sinalamos, todo o marco lexislativo xa en vigor (a prometida subcomisión parlamentaria fíxase un probablemente irreal e optimista prazo de seis meses para un acordo educativo consensuado…). Un pacto doutras forzas e outras siglas tería idénticos problemas de prazos e obstáculos lexislativos. E unhas terceiras eleccións a nivel estatal estenderían a formación dun novo goberno ata a primavera de 2017, sendo improbable que nada puidese cambiar nese breve lapso. Por tanto, unha das leis máis deostadas continuará marcando a vida da comunidade educativa ata o verán de 2017.

Podedes consultar aquí o calendario de introdución da LOMCE.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*