Galiciencia agarda polas vosas ideas!

Prazo aberto para a recepción de proxectos deica o 23 de outubro.

galiciencia-2016-tecnopoleDo 16 ao 17 de novembro de 10:00h-13:00h e de 15:00h-18:00h e o 18 de novembro de 10:00h-13:00h, o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole, acolle unha das maiores, senón a maior, feira científica de Galicia. Unha iniciativa que, en palabras de Isabel Soto, membro do equipo de organización de Galiciencia, “trata de facer atractivo un escenario que a miúdo semella tan complexo e importante para a sociedade e que especialmente por parte da mocidade, acostuma a ser visto como algo complicado”.

Camiño da úndecima edición desa cita, que reunirá ao longo dos seus tres días un feixe de talento científico, convivencia e diversión, está xa aberto o prazo para o envío de proxectos participantes (vanse seleccionar un total de 80). En total, farase espazo para 50 chegados de equipos de alumnado de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e haberá espazo para outros 30 proxectos elaborados por alumnado de Primaria e Educación Especial. E se ben, precisamente estes proxectos escolares son o centro estelar da reunión, á beira poderemos gozar de actividades paralelas diversas, incluídos obradoiros e espectáculos que, nesta edición 2016, terán as matemáticas como eixo fundamental.

Os equipos que aspiren a participar teñen que estar formados por dous alumnos/as e un docente. A través do formulario de proxectos poden enviarse as propostas. A selección do proxecto implicará a dispoñibilidade dun stand para dar a coñecelo e intercambiar experiencias con outros equipos. E ollo: non importa se o alumnado é de ciencias ou letras: Galiciencia quere desde proxectos experimentais e tecnolóxicos ata traballos no eido das humanidades.

Máis información sobre Galiciencia: sabela@tecnopole.es | Teléfono 988 368 100.


Hai bases de participación para dúas modalidades:


Modalidade de “Investigación científica en Educación Primaria e Educación Especial”

FINALIDADE
Fomentar as vocacións científicas e o espírito emprendedor.
PARTICIPANTES
Poderán participar como expositores de proxectos para primaria e educación especial calquera centro educativo de Galicia.
A organización resérvase o dereito de tomar decisións non reflectidas nas bases, así como solucionar calquera tipo de conflito na interpretación destas.
INSCRICIÓN
A inscrición debe facerse efectiva a través do formulario.
Os participantes recibirán confirmación da selección do seu proxecto durante a primeira semana de novembro.

PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
Participarán expondo os seus proxectos ou experimentos un ou varios dos días abertos para a exposición de proxectos de primaria e educación especial (16, 17 e 18 de novembro en horario de 10h a 13h). Esta cuestión queda suxeita a posibles modificacións en función da participación recibida, limitándose a participación máxima en 10 proxectos por día.

EXPOSICIÓN
A cada proxecto asignaráselle un stand cunha mesa e dúas cadeiras dentro da carpa habilitada para tal fin.
Os/as alumnos/as e titor/a serán os responsables da colocación do seu material no stand nas horas previstas pola organización.
Tecnópole facilitará un autobús para trasladar os participantes cada día dende Ourense cidade. Calquera outro tipo de transporte irá por conta dos centros participantes.

PREMIOS
Os/as alumnos/as e o/a titor/a recibirán un diploma de participación así como un obsequio pola súa participación


Modalidade de “Investigación científica en Educación Secundaria, Bacharelato e FP”

FINALIDADE
Fomentar as vocacións científicas e o espírito emprendedor.

PARTICIPANTES
Poderán participar como expositores de proxectos para secundaria, bacharelato e FP calquera centro educativo.
A organización resérvase o dereito de tomar decisións non reflectidas nas bases, así como solucionar calquera tipo de conflito na interpretación destas.

INSCRICIÓN
A inscrición debe facerse efectiva a través do formulario.
Os participantes recibirán confirmación da selección do seu proxecto durante a primeira semana de novembro.

PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
Participarán expondo os seus proxectos ou experimentos durante os tres días previstos para a celebración da Galiciencia 2016 (16 e 17 de novembro en horario de 10h a 13h e de 15h a 18h e 18 de novembro en horario de 10h a 13h). Limitándose a participación máxima en 50 proxectos en total. E catro proxectos, como máximo, por centro educativo.
Como novidade nesta edición os/as alumnos/as aos que se lles seleccionara o seu proxecto deberán enviar, unha vez formalizada a selección, unha presentación resumo coa información relevante completa do dito proxecto. A organización concretará as características da dita presentación.

EXPOSICIÓN, ESPAZOS E ACTIVIDADES
– A cada proxecto asignaráselle un stand modular de 2 x 1 m con tarima e moqueta, iluminación, cadro individual e unha regreta, cunha mesa e dúas cadeiras dentro da carpa habilitada para tal fin, que contará con conexión a internet a través de wifi.
– Os/as alumnos/as e titor/a serán os responsables da colocación do seu material no stand nas horas previstas pola organización.
– As viaxes, aloxamentos, actividades e comidas serán propostos por Tecnópole, sendo imprescindible confirmación por parte do colexio participante. En caso de detectarse problemas coa organización destes aspectos, Tecnópole resérvase o dereito de excluír o proxecto implicado.
– Tecnópole facilitará un autobús para trasladar os participantes desde cada unha das catro provincias galegas ao lugar de aloxamento establecido pola organización o día previo ao inicio da Galiciencia, así como para realizar a viaxe de volta ata os mesmos lugares de orixe o último día da Galiciencia. O horario, datas e lugar de paradas serán unicamente os que a organización decida.
– Tecnópole encargarase do traslado en autobús durante os tres días da Galiciencia, entre o aloxamento establecido, o Parque Tecnolóxico de Galicia, o lugar da comida ou outros desprazamentos necesarios para a realización de actividades organizadas por Tecnópole.
– Para os participantes de Ourense que prefiran aloxarse nos seus domicilios durante a Galiciencia, facilitaráselles transporte desde e ata a cidade de Ourense os tres días da Galiciencia.
– Tecnópole non correrá con ningún gasto de desprazamento distinto dos expresados nos catro puntos anteriores, nin se encargará da súa organización.
– A distribución das habitacións será realizada por Tecnópole co fin de fomentar as relacións entre alumnos-alumnos e profesores-profesores, intercambio de coñecemento, de experiencias, etc. e tratando de seguir os criterios legais de non ter na mesma habitación alumnos/as con profesores/as, nin alumnos con alumnas para evitar incomodidades.
– Tecnópole encargarase de realizar unha planificación de actividades fóra do horario de Galiciencia, opcionais, pero non será responsable, en ningún caso, nin de actos nin de posibles accidentes dos alumnos/as…, que nelas participen, dos cales será responsable o/a titor/a dos alumnos/as

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*