Inicio » Actualidade » A tradición oral como base da formación na primeira infancia

A tradición oral como base da formación na primeira infancia

Os docentes teñen que formar nas aulas aos nenos e nenas e esa formación poden facela en base ás características da súa contorna, con contidos propios da súa cultura, ou tomando referentes foráneos. Defendendo a primeira opción, Montse Rivera, do grupo de cantareiras Leilía, foi a encargada este mércores de dar comezo ás conferencias do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil abordando o papel da tradición oral nas aulas e as posibilidades que ofrece.

Montse Rivera (Leilía) - Imaxe: DUVI

Montse Rivera (Leilía) – Imaxe: DUVI

O ciclo, que nesta segunda edición leva por título Música e poesía dende a primeira infancia, está organizado polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense Isabel Mociño e Susa Herrera coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. “A cultura tradicional galega segue viva. Nas nosas mans está transmitila ás novas xeracións para que perdure, para que non se perda”, destacou Isabel Mociño durante a inauguración da cita. “A alta responsabilidade” dos docentes na transmisión interxeracional da lingua e da cultura galegas tamén foi destacada na inauguración do ciclo por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que lembrou a importancia da transmisión oral nas idades temperás. É fundamental, subliñou pola súa banda Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que “a música e a poesía acompañen desde a primeira infancia”, pois tal e como recalcou José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, “son moitos os beneficios que achegan na etapa infantil”. Iniciativas coma este ciclo, engadiu Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, durante a apertura, son moi necesarias para “visibilizar e tomar conciencia da importancia da poesía e da música na formación das novas xeracións”.

Xogos cantados e bailes galegos
Montse Rivera, que alén de formar parte de Leilía ten levado a cabo unha extensa tarefa de recuperación de cantos e bailes tradicionais galegos, foi a encargada de ofrecer a primeira conferencia do ciclo co obxectivo de explicar “como se pode usar na escola os xogos cantados e os bailes galegos”. Comezou a súa intervención abordando como se fixo en Galicia a recollida de materiais da tradición oral, en que momento, como e por quen. Continuou afondando na situacións actual tanto da recollida como da tradicional oral e rematou abordando como se pode levar ao contexto educativo actual materiais desta tradición, desenvolvendo cos asistentes xogos cantados e bailes.

Sobre o xeito en que se fixo a recollida da tradición oral en Galicia apuntou antes da súa intervención que “se fixo como se puido, en mans de particulares e asociacións culturais sen moitos medios” e non desde a administración dun xeito sistemático e formal. “Era isto ou nada”, recalcou. Na actualidade, engadiu Montse Rivera, aínda se pode facer recollida de materiais da tradición oral pero xa con máis dificultades xa que as xeracións que a gardaban están desaparecendo. Sobre a situación actual da tradición oral no ensino recalcou que “que é moi mala”, seguindo a tónica dos últimos 30 anos. A pesar deste panorama xeral, Rivera apuntou como hai experiencias que demostran que si é posible introducir con éxito os xogos cantados e os bailes galegos na programación educativa, poñendo entre outros exemplos o dun centro da Estrada que na materia de Educación Física introduciu o baile galego.

Continúa a programación
Trala conferencia de Montse Rivera comeza unha programación que traerá ata o 9 de novembro ao campus de Ourense a Antonio García Teijeiro, poeta e un dos máis recoñecidos creadores para a infancia e xuventude en Galicia; Uxía Domínguez, cantante galega integrante de proxectos como o de María Fumaça; os poetas Elvira Riveiro e Fran Alonso e a propia Susa Herrera, que compaxina a súa docencia na Facultade de Ciencias da Educación ourensá cunha dilatada traxectoria na publicación libros musicados para a infancia. Con este programa, os coordinadores da iniciativa queren dar a coñecer aos asistentes estratexias, principalmente aos futuros docentes formados no campus, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música á infancia e adolescencia, reforzando as carencias dos currículos académicos neste eido na etapa da Educación Infantil e Primaria.

Fonte: DUVI / Rosa Tedín

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*