O mundo só pode cambiar a mellor desde o fomento da igualdade das nenas

Ana, moza costarricense que elaborou unha app de axuda a aprendizaxe como parte dun proxecto de fomento da achega das mulleres ao eido TIC / Imaxe: ONU Women - Sula Batsú/Natalia Vargas
Ana, moza costarricense que elaborou unha app de axuda a aprendizaxe como parte dun proxecto de fomento da achega das mulleres ao eido TIC / Imaxe: ONU Women – Sula Batsú/Natalia Vargas
A ONU destaca neste Día Internacional da Nena que a igualdade de xénero é condición necesaria para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

“Igualdade das nenas = Logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible” é lema en 2016 da campaña das Nacións Unidas para o Día Internacional da Nena. Unha data oficializada en 2011 pola Asemblea Xeral da ONU co obxectivo de recoñecer os dereitos das nenas e os problemas excepcionais que as nenas confrontan en todo o mundo. Porque todos os días, as nenas fan fronte á discriminación e a violencia en todo o mundo, e con este Día Internacional da Nena quere centrarse a atención na necesidade de tratar os desafíos que enfrontan as nenas e promover o seu empoderamento e o cumprimento dos seus dereitos humanos.

Co lema elixido a ONU quere salientar que o progreso na igualdade de xénero non só é bo para elas; tamén o é para as súas familias, comunidades, países e o mundo. “As nenas sempre cambiaron o mundo; esta xeración pode facelo aínda mellor: cando investimos na saúde, a seguridade e a educación das nenas, tanto en tempos de paz como en tempos de crises, axudamos a facer realidade os seus soños e a determinar as súas propias vidas e as súas comunidades”.

ONU mulleres alerta contra o matrimonio infantil
De xeito paralelo, ONU Mulleres aproveita de xeito específico a conmemoración este ano para advertir contra o problema do matrimonio infantil, un deses graves obstáculos que atenta contra as nenas.

E os datos son abafadores: unha de cada tres nenas de países en desenvolvemento (fóra de China) contrae matrimonio antes dos 18 anos. As nenas que casan perden anos de educación, son máis vulnerables á violencia física e sexual e teñen fillas e fillos antes de que estean preparadas física ou emocionalmente. O ciclo da violencia que comeza na nenez continúa ata a adultez e perpetúase a través das xeracións.

ONU Mulleres traballa en todo o mundo empoderando ás mulleres e as nenas e logrando a toma de conciencia respecto dos seus dereitos, promovendo a adopción e implementación de leis e políticas que prohiban e preveñan o matrimonio infantil e mobilizando ás comunidades para que rexeiten esta práctica: “Deixemos que as nenas sexan nenas”.

O Concello de Santiago e a Torre de Hércules tinguidos en prol dos dereitos das nenas
O Concello da Coruña e Plan International, organización independente de cooperación ao desenvolvemento e axuda humanitaria comprometida cos dereitos da infancia iluminarán este martes a Torre de Hércules para conmemorar o Día Internacional da Nena.

Tamén o Concello de Santiago de Compostela iluminará a súa fachada dentro da mesma iniciativa, á que se suman a nivel estatal dúas ducias de cidades para defender a igualdade e os dereitos das nenas en todo o mundo.

A iniciativa forma parte do movemento #PorSerNena, iniciado en 2007 por este colectivo para acabar coa dobre discriminación por xénero e idade que afecta a millóns de nenas en todo o mundo, e que busca que “todas as nenas do mundo poidan aprender, liderar, decidir e prosperar”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*