Inicio » Actualidade » Lectura simultánea do manifesto do Día do Dano Cerebral nas sete cidades

Lectura simultánea do manifesto do Día do Dano Cerebral nas sete cidades

Este mércores, 26 de outubro, conmemórase o Día do Dano Cerebral, e tanto FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral) como as súas asociacións preparan múltiples actividades informativas, reivindicativas e lúdicas.

O acto máis importante da xornada vai ser unha lectura simultánea do manifesto que o movemento asociativo do dano cerebral edita cada 26 de outubro, no que analiza a situación das persoas con DCA e plasma as súas principais demandas colectivas. A lectura vai ter lugar ás 12:00 do mércores, día 26, nas seguintes localizacións:

  • Santiago de Compostela. Acto central. Praza do Obradoiro. En colaboración coa Asociación de Dano Cerebral de Compostela (Sarela) e co apoio da Corporación Municipal. Está confirmada a presenza do alcalde, Martiño Noriega, e da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, así como do presidente de FEGADACE, Luciano Fernández, e do de Sarela, José Balboa.
  • A Coruña. Palco dos Xardíns de Méndez Núñez. En colaboración coa Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO), no contexto da súa Xornada de Deporte Adaptado.
  • Ferrol. Hospital Arquitecto Marcide.
  • Lugo. Praza de España (diante da Casa do Concello). En colaboración coa Asociación de Dano Cerebral de Lugo (ADACE), no contexto da mesa informativa da entidade.
  • Ourense. Rúa do Paseo (á altura do Banco de España). En colaboración coa Asociación de Dano Cerebral de Ourense (Renacer) , no contexto da mesa informativa da entidade.
  • Pontevedra. Hospital Provincial.
  • Vigo. Sede de Alento (Rúa Pedra Seixa, s/n – Navia). En colaboración coa Asociación de Dano Cerebral de Vigo (Alento), no contexto da Xornada de Portas Abertas.
  • Ademais do acto de Santiago, FEGADACE ten previsto pasar a mañá en dúas mesas informativas nas localidades de Ferrol e Pontevedra. A Federación aproveitará para informar sobre o dano cerebral adquirido e sensibilizar para a súa prevención nas dúas únicas cidades nas que aínda non existe unha asociación de DCA. Estará de 10:30 a 13:30 no Hospital Arquitecto Marcide (Ferrol) e no Hospital Provincial (Pontevedra).

    As cinco asociacións federadas en FEGADACE programan, ademais, outras actividades, que se poden consultar na táboa que acompaña a presente nota.

    Día do Ictus

    A conmemoración do Día do Dano Cerebral chega acompañada, tres días máis tarde, pola do Día do Ictus (29 de outubro). FEGADACE organiza un coloquio que vai ter lugar no auditorio da sede de Afundación da rúa do Vilar, en Santiago. Vai estar protagonizado por Susana Arias,

    neuróloga do CHUS, Fernando Galdo, familiar e coidador da súa nai, que tivo un ictus, e Juan Luis Delgado, membro da directiva de ADACECO (Asociación de Dano Cerebral da Coruña) que tivo un ictus e falará do mesmo en primeira persoa. Ademais, José Manuel Fandiño, coordinador de Urxencias do CHUAC, vai falar do Código Ictus e presentar o Plan Ictus do Sergas.

    O ictus é a principal causa do dano cerebral, no 78% dos casos. De aí o interese por vincular o Día do Dano Cerebral coa xornada dedicada ao seu principal causante. En Galicia viven actualmente 35.756 persoas con dano cerebral adquirido, e prodúcense cada ano case 7.000 novos casos desta discapacidade. Con xornadas e actos como este FEGADACE quere facer que o dano cerebral adquirido deixe de ser unha epidemia silenciosa, favorecendo a inclusión social e o empoderamento das persoas e familias con DCA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*