Inicio » A fondo » “Un libro ten que ser un agasallo obrigatorio dende a infancia”

“Un libro ten que ser un agasallo obrigatorio dende a infancia”

ester-castroDentro do proxecto “A lectura, unha chave de futuro” conversamos con escritoras, lectores, pais, nais, profesoras e tamén con libreiras.

Ester Castro pertence a este último gremio. É unha libreira atípica, case unha excentricidade. O seu establecemento está na Pontepedra, un pequeno núcleo que é á súa vez a capital de Tordoia, un municipio rural de apenas 3.500 habitantes que pertence á bisbarra de Ordes. Por puras razóns de mercado, o libro é unha parte secundaria do seu negocio (estanco, papelería…), porén, debido ao seu activismo cultural, nunca faltan as novidades editoriais no seu pequeno escaparate.

Como esperta unha libreira do rural o gusto pola lectura nunha pequecha? “O primeiro que fago é preguntar se lle gusta ler (case sempre é non). Despois pregúntolle polos seus gustos e, segundo a resposta, trato de convencelos para que lean un libro o máis semellante posible a eses gustos. Iso si, coa promesa de que cando volvan por aquí me conten un pouco o argumento do libro e digan se lles gustou”.

Dende a súa experiencia, Ester Castro considera que nas casas “é fundamental crear ambiente de lectura (predicar co exemplo). Un libro ten que ser un agasallo obrigatorio dende a infancia. Opino tamén que non estaría de sobra que nos involucrásemos nesa lectura e partipasemos dela”.

Ela lembra perfectamente os primeiros libros que caeron nas súas mans. Un deles foi O conde de Montecristo, “grazas a unha pequena biblioteca que tiña un veciño xa maior, do que tamén aprendín aquilo que nos dicía sempre: nenos, para saber, hai que andar ou ler”

Podes descargar aquí de balde a publicación: A lectura, chave de futuro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*