“As nosas palabras. O compango da vida dos nenos”

nova-escola-numero-65Este 20 de decembro, a presentación do nº65, monográfico sobre “A lingua na educación infantil”, da revista de Nova Escola, chega a Compostela.

O nº65 da Revista Galega de Educación, publicación editada polo movemento Nova Escola Galega, titulado “A lingua na educación infantil”, foi xa presentado en diversas localidades do país, entre outros lugares na Real Academia Galega, presentación da que xa vos contamos aquí. A publicación segue o percorrido, axudando o tempo á reflexión, e o próximo 20 de decembro o debate chegará a Compostela, cun acto ás 19:30 horas no Salón de Actos da Fac. de Filosofía (Praza de Mazarelos).
Intervirán:
– Martiño Noriega, Alcalde de Santiago.
– Xesús Rodríguez, Director da RGE.
– Marcos Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
– Anxos Sobriño, Presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
– Paco Veiga, Coordinador do monográfico.

Achegamos o editorial, da publicación, titulado,

“A LINGUA NA EDUCACIÓN INFANTIL: FÁLALLE GALEGO”

As nosas palabras. O compango da vida dos nenos. Moitos datos socio-lingüísticos, e moitas evidencias do que observamos arredor nosa poñen de manifesto que, en particular, nos espazos urbanos e cada vez máis nos vilegos “as nosas palabras”, en galego, veñen deixando de ser a música da vida que renova as nosas comunidades, as nosas contornas, o cheiro a mañá fresca de primavera con sol.

As familias que gardan con paixón a lingua galega trasladándoa viva de pais e nais a fillos están aí, no rural e no urbano. As mestras e mestres que con consciencia profesional educan e favorecen o desenvolvemento das criaturas ‘desde a casa cálida das nosas palabras, que son pan tenro’ tamén están aí, por veces contra vento e maré. Unha miga pequena de institucións e de servizos sociais que queren construír o apego, tamén están aí. A uns e mais aos outros podemos velos, sentilos, oílos… pequena gloria e contento, que diría Rosalía.

Porén, aquí están tamén as familias que apagaron a lingua da casa, como un traste vello ou con medo aprendido no franquismo e aínda sostido e adubado hoxe, interrompendo a transmisión interxeracional; como así mesmo aí o están as e os ensinantes despreocupados e insensibles dispostos a ‘españolizar’ e a facer prácticas de aula que, a miúdo, promoven a selectividade social. Aquí están unha boa parte dos poderes políticos, comerciais, económicos, militares, eclesiásticos ou o chamado quinto poder, que non só ‘apagan’ a lingua galega, senón que tamén a menosprezan, como ben sabemos. E a Xunta de Galicia, co seu Decreto de 2010, que acurralou parte dos esforzos que tamén nos centros urbanos se emprendían en colexios públicos, sobre todo, e especificamente na Educación Infantil, bendicindo desde diversos servizos de Inspección como se esfarelaba o que comezaba a agromar.

Con todo isto, con elementos contrapostos, parece que andamos un paso adiante e outro atrás. Os dous pés non andan a rente, como debesen. Pero aínda podemos desenguedellarnos. Aínda podemos andar cos dous pés para adiante; isto é coas nosas palabras, como compango da vida nova.

Como tantos, estamos preocupados e preocupadas, apreciando os signos e as realidades contrapostas. Pagaba a pena reflexionar en voz alta; trazar un certo panorama. E para isto convocamos algúns estudosos no campo da sociolingüística para ofrecérmonos orientacións de traballo á luz dos datos interpretados, e chamamos por educadoras e educadores de diversos lugares e espazos da xeografía humana da Nación para que nos falasen de boas prácticas, porque necesitamos o seu alento. Boas prácticas que na Educación Infantil descubrimos aquí e aló. É posible. Debemos colectivamente vencer o medo; deben os poderes deixar de asediar a lingua galega por activa e por pasiva. Desde a Xunta, dando un xiro case copernicano: unha campaña sostida, ventureira e leda; Fálalle galego. Como aquela, nunca outra máis se fixo. Como aquela, pedimos unha continuada e variada, sandando os medos, recuperando a dignidade cívica e democrática, sabendo que a nosa Terra conecta co ancho mundo.

Precisamos sentir sen vergoña as nosas palabras. Precisamos o compango sen a necesidade do heroísmo das condutas militantes, porque se abren vías de auga no barco e chove na casa. Precisamos desenguedellarnos, o que é máis doado do que parece, se coidamos da árbore da dignidade cívica. Á nena Clara (de Séchu Sende) non a deberiamos confundir máis falando dela como ‘mi niña’; ela, unha nena coma un caravel.

Manaia, coas prácticas galeguizadoras, en particular, na Educación Infantil. Máis alá. Máis alá do que agora ocorre, coa insensibilidade dos poderes e de boa parte da Xunta. Que a todo o mundo lle preste este monográfico da Revista Galega de Educación.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*