Compostaxe doméstica: Experiencia Stop Motion

Unha actividade a través da que os escolares poden montar o seu propio vídeo e coñecer como obter un compost de calidade.

compostaxe-stop-motionA actividade, que se denomina “Compostaxe doméstica. Experiencia Stop Motion”, proporciona primeiro as oportunas explicacións sobre o compost e os seus beneficios, para despois facilitarlle aos escolares as ferramentas necesarias para elaborar o seu propio vídeo, interiorizar as vantaxes medioambientais, económicas e sociais da autocompostaxe e contribuír á difusión das mesmas.

A iniciativa é da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de poñer en marcha este xogo en liña destinado ao alumnado de educación secundaria co obxectivo de difundir as virtudes da compostaxe doméstica.

O obxectivo é que os alumnos constrúan unha historia que pode ser descargada en forma de vídeo a partir dos recursos que se poñen á súa disposición, tendo a opción de seleccionar os elementos, obxectos, personaxes e situacións que formarán parte da mesma.

Fotograma a fotograma
Ademais de ter a oportunidade de escoller a velocidade da película (6 ou 12 fotogramas por segundo) e a duración (10 ou 20 segundos), tamén poderán escoller a localización ou momento do día no que se desenvolverán os acontecementos, que se crean fotograma a fotograma. As personaxes e obxectos pódense mover dentro do escenario, cambiar de tamaño, rotar, distorsionar, etc.

O xogo, a disposición dos internautas na páxina www.compostaconsogama.gal e en www.sogama.es, funciona en dispositivos de sobremesa e portátiles, así como en dispositivos táctiles (tabletas).

Programa de fomento da compostaxe

A compostaxe doméstica non é máis que a fermentación controlada, baixo condicións axeitadas de temperatura e humidade, da materia orgánica producida nos fogares ou centros escolares que contan con servizo de comedor. Para levar a cabo este cometido, Sogama repartiu entre distintos grupos poboacionais preto de 6.200 composteiros de 340 litros de capacidade cada un, posibilitando que, coa axuda destes recipientes, o proceso a levar a cabo resulte máis cómodo, áxil e hixiénico.

A día de hoxe, a entidade pública conta con 206 entidades adscritas ao seu programa de autocompostaxe: 136 concellos, 60 centros educativos (primaria, secundaria e Universidade) e 10 colectivos sociais. Este sistema reporta importantes vantaxes para os entes locais, tanto medioambientais como económicas e sociais.

  • Ambiental: reciclando os residuos orgánicos en orixe, que supoñen ao redor do 40% do lixo xerado nos domicilios, minórase a frecuencia de recollida dos contedores convencionais e, xa que logo, o transporte do lixo ata a planta de tratamento, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera.
  • Económica: redúcese o depósito de residuos nos contedores xenéricos e, en consecuencia, o importe da factura a pagar a Sogama, coa particularidade de que os usuarios non precisan comprar fertilizantes artificiais, podendo utilizar un abono natural (compost) que cumpre con todos os requisitos contemplados pola normativa vixente.
  • Social: recupérase unha práctica tradicional en Galicia como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost, diminuíndo o número de desprazamentos que a poboación do rural debe facer aos contedores, polo xeral distanciados das casas debido á alta dispersión da poboación.
COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*