Inicio » Actualidade » “Nadal en familia” cos Bolechas

“Nadal en familia” cos Bolechas

bolechas-nadal-3Este sábado comeza a xira festiva dos populares personaxes deica o próximo mes de xaneiro.

Os Bolechas propoñen un ‘Nadal en familia’ na xira que iniciarán este mesmo sábado en concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Así o deu a coñecer esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen destacou que “un ano máis os irmáns animados máis famosos de Galicia, referentes galegofalantes para a xente miúda, contribuirán a galeguizar as festas e a celebralas en galego con múltiples propostas pensadas para gozar do lecer en familia”.

Na rolda de prensa de presentación da nova proposta, que se inclúe na quinta edición do programa ‘Nadal en Rede’, estivo acompañado polo responsable de Bolanda Edicións, Antonio Couto; a responsable do departamento de responsabilidade social corporativa de Gadis, Iria Rodríguez; e a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas.

Dez paradas con actividades ata o 7 de xaneiro

Contacontos, xogos populares, obradoiros de maquillaxe, chapas e debuxo, exposición e concurso de postais son algunhas das propostas que achegará o Nadal en familia dos Bolechas durante as próximas datas. Ademais, a cativada poderá aproveitar para escribir as súas cartas aos Reis Magos e poderá levar grandes agasallos dos Bolechas debuxando unha postal de Nadal xa que, en cada vila, ao final da xornada, sortearanse varios premios entre todos os debuxos presentados.

O Nadal en familia dos Bolechas botará a andar este mesmo sábado, 17 de decembro,  na Pobra do Brollón e visitará o domingo Barbadás. O xoves 22 chegará a Rianxo; o venres 23 a Sanxenxo; o luns 26 a Santa Comba; o mércores 28 a Rois e o venres 30 ao Porriño. Xa no mes de xaneiro a xira continuará o martes 3 no Rosal, o mércores 4 en Padrón e o sábado 7 rematará en Barreiros.

Tanto as actividades como os premiados e as localidades e datas da xira poderán seguirse no web habilitado polos Bolechas www.osbolechas.gal/xiradenadal e o calendario no enlace web www.lingua.gal/nadal-en-rede, ademais de nas redes sociais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*