Inicio » Actualidade » Nadal en Rede

Nadal en Rede

Obradoiros de música e de xogos e xoguetes en galego, concertos didácticos, teatro de monicreques e actividades percorren medio cento de concellos.

nadal-en-rede-1O programa de Nadal da Rede de Dinamización Lingüística, ‘Nadal en Rede’, chega este ano á súa quinta edición con actividades exclusivas e especialmente pensadas para estas datas que achegarán os Reis Magos; O Apalpador; Os Bolechas; xogos e xoguetes en galego; panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos; a música de Suso Vaamonde e os textos de Neira Vilas a medio cento de concellos ao longo das vindeiras tres semanas. “O obxectivo desta programación, deseñada desde a propia Rede, é convidar e animar a toda a cidadanía, nomeadamente ás familias con cativada, a festexar o Nadal en galego e a galeguizar as tradicións propias”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación da edición 2016 do programa.

‘Nadal en Rede 2016’ iniciou a súa quinta edición este sábado 17 nos concellos coruñeses de Trazo, Aranga, Pobra do Brollón e Barbadás cos espectáculos ‘O castiñeiro do Apalpador’ e ‘Nadal en familia dos Bolechas’. Ata o 7 de xaneiro percorrerá, con estas dúas propostas e tamén co ‘Obradoiro de xogos e xoguetes en galego’, ‘Cantarolas para xente miúda’ e ‘Nadal de vila en vila’ os concellos do Incio, O Carballiño, Manzaneda, Castro de Rei, Muros, Taboada, Ribadumia, Coristanco, Rianxo, Sanxenxo, Santa Comba, Rois, O Porriño, O Rosal, Padrón, Barreiros, Verín, Carnota, Abegondo, Guitiriz, A Peroxa, O Grove, Tordoia, Cariño, Cabanas, Barro, Boborás, Toques, Mazaricos, Toén, Redondela, O Grove, Cerdedo, Malpica de Bergantiños, Neda, Xove, Oroso, Ourense, Mondoñedo, Xinzo de Limia, Oleiros, A Laracha, O Vicedo, Ponte Caldelas, A Estrada e Dumbría, todos eles pertencentes á RDL.

Xogos e xoguetes en galego
O Nadal é tempo de xoguetes e a RDL quere apoiar as empresas que os desenvolven na nosa lingua, animar os pequenos e pequenas a empregala nos seus xogos e aos seus pais e nais a transmitirlles o idioma propio de Galicia compartindo con eles espazos de ocio en galego. Con estes obxectivos, a Rede de Dinamización Lingüística incluíu na súa programación un Obradoiro de xogos e xoguetes en galego que desenvolverá a empresa xogueteira Brazolinda en dez concellos.

Nadal de vila en vila
Os músicos Uxía e Santi Cribeiro desenvolverán noutras dez localidades da RDL un obradoiro participativo para familias con fillos a partir de catro anos, ás que se lles pedirá que axuden a contar un conto musical de Nadal unindo as súas voces ás dos dous músicos e acompañándoas con instrumentos de percusión que lles serán entregados para a ocasión. Deste xeito, irán coñecendo panxoliñas, xaneiras, cantares de reis e aguinaldos que poderán repetir nas súas casas durante a celebración das festas, para celebraren en galego estas datas tan especiais.

Cantarolas para xente miúda
Máis cancións da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda, que ofrecen un concerto didáctico para que os nenos e nenas galegos a partir dos dous anos e as súas familias coñezan ‘Cantarolas para xente miúda’, un proxecto musical que compartiron dúas das figuras máis representativas da historia da música e das letras galegas: Suso Vaamonde e Xosé Neira Vilas. Poderase gozar tamén en dez localidades galegas.

Cos Reis Magos, en galego
Como outros anos, seguen estando a disposición dos concellos pertencentes á RDL e das familias modelos de cartas para escribirlles na nosa lingua ás súas maxestades de Oriente, así como a ferramenta “resposta dos Reis Magos” para que os nenos e nenas poidan recibir unha mensaxe personalizada de Melchor, Gaspar e Baltasar escrita na nosa lingua. O Portal da Lingua Galega tamén lles ofrece aos Reis discursos en galego que poderán ler a noite da cabalgata para que todos os poidamos sentir falar no idioma propio de Galicia.

E tamén co Apalpador
Para os que prefiran ou queiran coñecer outras figuras tradicionais do Nadal galego, a RDL presenta a peza de monicreques ‘O castiñeiro do Apalpador’ nunha peza, dirixida público de máis de tres anos, na que o propio Apalpador –da man de Fantoches Baj- será quen lles conte aos asistentes por que reparte castañas entre os nenos e nenas durante o Nadal.

Os Bolechas, Nadal en familia
Os irmáns animados máis famosos de Galicia, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá Bolechas e mais o seu can Chispa, celebrarán este Nadal cos nenos e nenas de dez concellos, a quen acompañarán mentres estes xogan. Haberá concurso e exposición de postais; cartas aos Reis Magos; contacontos; xogos populares; sorteo de libros; obradoiros de chapas, de maquillaxe, de debuxo… e moitas outras actividades divertidas en galego para toda a familia.

Toda a información do programa e o calendario de actividades está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal/nadal-en-rede e na Axenda de Cultura de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*