Necesidade de pediatras en Atención Primaria

Colectivos médicos critican que as administracións priorizan a resposta inmediata á demanda e a accesibilidade dos cidadáns sobre a calidade da atención

Flickr Cheryl / https://www.flickr.com/photos/eraphernalia_vintage/3183267589
Flickr Cheryl / https://www.flickr.com/photos/eraphernalia_vintage/3183267589
O Foro de Médicos de Atención Primaria (AP) integrado por Sociedades Científicas, Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) e Organización Médica Colexial (OMC) manifesta a súa preocupación pola falta de médicos especialistas en Pediatría para os centros de saúde.

O Real Decreto 137/1984 do 11 de xaneiro sobre Estruturas Básicas de Saúde e a Lei 14/1986 do 25 de abril Xeral de Sanidade son o marco lexislativo da Atención Primaria española. Neles defínese a incorporación do médico especialista en Pediatría, como porta de entrada ao Sistema Público de Saúde da poboación infantil ata os 14 anos, para dar atención integral ao neno desde o nacemento ata a adolescencia. A Lei 16/2003, do 28 de aio, de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde, BOE 29/05/2003, no seu artigo 12, enumera as prestacións da Atención Primaria citando de forma independente as atencións e servizos específicos relativos á infancia e á adolescencia.

Desde hai anos, a cobertura dalgunhas prazas de Pediatría de Atención Primaria é un problema para a Administración Sanitaria. Esta circunstancia agravouse coa crise e cos contratos precarios. Resulta especialmente difícil cubrir as prazas rurais e, nas grandes cidades, as quendas fixas en horarios de tarde. Existen múltiples casos de especialistas en Pediatría que emigraron dunhas Comunidades Autónomas a outras buscando mellorar os seus horarios laborais para facelos compatibles coa familia.

A Administración prioriza a resposta inmediata á demanda e a accesibilidade dos cidadáns sobre a calidade da atención, ofrecendo ás familias servizos para os que, en ocasións, non atopa persoal. Nos centros de saúde pon en varias salas “consultas de pediatría” cando non sempre son médicos especialistas en nenos os que pasan esas consultas. As administracións sanitarias autonómicas xeran, en ocasións, falsas expectativas ás familias ofrecendo especialidades sanitarias das que non sempre dispoñen. As xerencias de Atención Primaria utilizan a palabra “Pediatría” para designar a idade do usuario atendido, non a titulación do persoal contratado. E non cabe dúbida que o médico non especialista en Pediatría que asume esa consulta, fai un esforzo extraordinario para levar a cabo un traballo para o que recibiu unha formación non específica.

Propuxéronse medidas varias por parte das sociedades científicas e sindicatos e fixéronse plans para paliar o déficit de especialistas en Pediatría coas autoridades autonómicas con resultados dispares e inconclusos. Algunhas organizacións como a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), a Sociedade Española de Pediatría Extrahospitalaria e de Atención Primaria (SEPEAP) e CESM, levan máis de 10 anos denunciando a situación de falta de médicos especialistas en Pediatría para cubrir o total de prazas ofertadas nos centros de saúde, e demandando que aumente o número anual de prazas de Pediatría que se ofertan para formación pola vía MIR. Ata agora, sen resposta.

O Foro Nacional de Médicos de Atención Primaria opina que as consultas de Pediatría (de 0 a 14 anos) dos centros de saúde deberían ser cubertas por médicos coa especialidade de Pediatría.

Propoñen unha serie de medidas consensuadas para paliar o déficit actual de pediatras:

  • Incrementar o número de prazas MIR de pediatría.
  • Mellorar os horarios e condicións laborais para todos os profesionais sanitarios dos centros de saúde facéndoas compatibles coa vida familiar.
  • Incentivar de forma económica ou curricularmente as prazas de difícil cobertura.
  • Unificar as prestacións de enfermería pediátrica en atención primaria entre todas as Comunidades Autónomas. As diferenzas existentes son inxustificables, e en Atención Primaria hai suficiente cometido para que Pediatría e Enfermería de Pediatría traballen en conxunto na atención aos nenos.
  • Co obxectivo de optimizar o tempo e recursos en zonas periféricas, pódese atender mellor e máis nenos se se traballa en equipo con enfermería.
  • Centralización dos servizos de Pediatría. En pobos distantes ou con cotas reducidas priorizarase a atención nas consultas pediátricas no centro de saúde cabeceira, optimizando recursos e evitando desprazamentos aos profesionais durante a xornada laboral.
  • Aumentar de forma obrigatoria a rotación dos residentes de Pediatría por Atención Primaria a un mínimo de 3-6 meses. Dúas terceiras partes dos pediatras deste país traballan nos centros de saúde, pero as súas rotacións son de forma maioritaria no ámbito hospitalario.
  • Así mesmo, incentivar e iniciar as rotacións dos estudantes de Medicina nas consultas dos pediatras de AP, adecuando o número de créditos ECTS.
  • Ao mellorar as condicións poderase colaborar máis atendendo aos nenos nos horarios de atención continuada dos centros de saúde.
  • Crear a figura do coordinador de Pediatría naquelas áreas ou distritos sanitarios locais onde non exista. Esta figura está xa introducida nas comunidades autónomas de Murcia e de Madrid, funciona de forma adecuada e deberían potenciarse. Son pediatras de Atención Primaria que colaboran e participan coas xerencias na organización da asistencia infantil.
  • Aumentar a presenza de pediatras de Atención Primaria na Comisión Nacional da especialidade de Pediatría. Actualmente só pertence a Primaria un dos seus once membros.

FORO DE MÉDICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA

ORGANIZACIÓNS ASINANTES

Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)
Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM)
Consejo Estatal de Estudiantes de Medicina (CEEM)
Organización Médica Colegial (OMC)
Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria (SEMFYC)
Sociedad Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN)
Sociedad Española de Médicos Generales y de Familia (SEMG)
Sociedad Española de Pediatría Extrahospitalaria y de Atención Primaria (SEPEAP)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*