A Plataforma pola Escola Pública propón folga xeral o 9 de marzo

Plataforma pola Escola PúblicaA comunidade educativa prepara novas mobilizacións.

A Plataforma Estatal pola Escola Pública está formada pola Confederación Española de Asociacións de Pais e Nais de Alumnado, o Sindicato de Estudantes, a Federación de Asociacións de Estudantes Progresistas, a Confederación de Movementos de Renovación Pedagóxica, FE-CCOO, FESP-UXT, STES e FeCGT.

Este é o comunicado enviado aos medios:

“A Plataforma Estatal pola Escola Pública tivo unha reunión na que realizou un repaso da situación actual no ámbito educativo e valorou de forma expresa o acordo do Consello de Ministros polo que o Goberno español acudirá ao Tribunal Constitucional para tentar anular o acordo do Congreso polo que se impulsa a paralización da LOMCE.

Do anterior só pode desprenderse unha conclusión, que o Goberno actual considera que o poder lexislativo debe estar supeditado ao Executivo e que a soberanía non reside no pobo senón que é propiedade exclusiva do devandito Goberno, obviando deliberadamente o que se establece no artigo 1 da Constitución Española. Só desta forma pode entenderse que rexeite que o Congreso poida dar os pasos necesarios para cambiar a lexislación educativa actual. A isto súmase que a subcomisión parlamentaria aínda non empezou os seus traballos e o seu obxectivo ademais xa foi modificado, xa non traballará para configurar unha nova lei senón un documento sobre a estratexia 2020 que logo quizais sirva para unha nova lei, ou non.

Semellante forma de proceder non pode quedar sen resposta. A loita debe seguir realizándose en todos os niveis (desde Educación Infantil ata a Universidade) e por todos os integrantes da comunidade educativa (alumnado, pais e nais, profesorado, persoal dos centros educativos,…), para seguir esixindo: derrogación da LOMCE; reversión dos recortes; incremento orzamentario dedicado a educación; recuperación dun sistema de bolsas que garanta a igualdade de oportunidades; eliminación das contrarreformas universitarias e das prácticas non remuneradas en FP; recuperación dos cadros de persoal; dignificación das condicións laborais do profesorado; freo á privatización do sistema educativo; baixada de ratios; etc. Neste escenario, o pacto educativo que di querer alcanzar o Goberno, non é posible porque a devandita mensaxe demóstrase falsa de novo.

Por este motivo, a Plataforma Estatal pola Educación Pública propón a convocatoria dunha folga xeral educativa, en todas as etapas, desde Infantil ata a Universidade, o próximo 9 de marzo, chamando a todas as plataformas autonómicas e locais a configurar unha listaxe de reivindicacións concretas. Estas engadiranse ás que con carácter estatal se van dar a coñecer na rolda de prensa que se celebrará o próximo 26 de xaneiro, onde se informará aos medios de comunicación da convocatoria concreta que se realice. Nos próximos días traballarase para lograr que sexa unha realidade a convocatoria de folga unitaria, sumando á mesma aos representantes de todos os treitos do ensino e de todos os sectores do ámbito educativo”

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*