Facemos repaso dos tres erres da man dos Bolechas

Os Bolechas, coñecidos personaxes de ficción na literatura infantil galega, actores indiscutibles da gran pantalla e auténticos especialistas no coidado do medio ambiente, ensinan, a través dun vídeo patrocinado por Sogama os beneficios que ten a práctica dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para levar a cabo unha xestión máis sostible dos residuos e preservar os limitados recursos naturais.

Para isto organizan un concurso televisivo que Pili, moi concienciada coa protección da contorna, presenta de forma enérxica e entusiasta para mostrar aos telespectadores como reducir a produción de residuos a través de compras responsables; como alongar a vida útil dos produtos, garantindo o seu máximo aproveitamento; e como contribuír ao reciclado, facéndose indispensable para isto unha rigorosa separación dos refugallos en orixe e correcto depósito dos mesmos nos contedores correspondentes: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que Sogama converte en electricidade.

Señora ou señor tres erres, a máxima distinción
Carlos, Loli, Braulio e Sonia son os flamantes concursantes, animados en todo momento por Tatá e Chispa, que osarán enfrontarse a unha serie de probas nas que deixarán constancia dos seus coñecementos na materia e da súa capacidade para xestionar de forma eficiente o lixo.

Os Bolechas ensinan aos escolares, da man de Sogama, os beneficios ambientais dos tres erresPara isto deberán discernir se os residuos que aparecen nunha pantalla xigante poderían evitarse, se servirían para reutilizar ou se a opción máis apropiada sería reciclalos. O que se proclame vencedor, conseguirá o título de “Señora ou Señor Tres Erres”, todo un reto.

Por exemplo, aprenden que utilizar panos de tea en lugar da súa versión en papel, sería unha magnífica forma de reducir residuos; que os tarros de vidro poderían reutilizarse como maceteiros ou que o destino das botellas plásticas debe ser o contedor amarelo a fin de garantir o seu reciclado e, xa que logo, a súa transformación en novos produtos de utilidade (cubos, bolsas, camisetas).

Aos tres erres, Sogama engade un cuarto, a recuperación enerxética da parte non reciclable, evitando desta forma que acabe arroxada en vertedoiro e ocasione un negativo impacto sobre a integridade do contorno e a saúde pública.

Pequenos xestos, grandes resultados
Facer unha lista da compra co que realmente se necesite, diferenciar claramente a data de caducidade da de consumo preferente, aproveitar as sobras das comidas para elaborar novos menús, levar o carro da compra ao supermercado no canto de utilizar múltiples bolsas plásticas cunha vida limitada constitúen, entre outras, algunhas das recomendacións a seguir polos cidadáns para facer fronte á inxente cantidade de lixo que cada día se produce nos fogares e que, de non ser xestionada correctamente, podería converterse nunha fonte de contaminación de primeira magnitude.
Pequenos xestos que poderán dar lugar a grandes resultados, contribuíndo a amortiguar o proceso de deterioro ambiental ao que estamos sometendo ao noso planeta.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*