Inicio » Planeta Verde » Concurso ambiental “Os profes contan”

Concurso ambiental “Os profes contan”

Os profes contan Sexta edición do concurso promovido por Ecoembes.Sexta edición do concurso promovido por Ecoembes.

O prazo para presentar os relatos finaliza o 24 de febreiro e poderanse enviar a través do blogue www.amarilloverdeyazul.com

Educar os nenos para que participen no coidado do medio ambiente é unha tarefa fundamental. Neste traballo, o profesorado desempeña un labor moi relevante, xa que se converte en referente para os máis pequenos. A educación ambiental constitúese así como un elemento de importancia no labor docente do profesorado. Por este motivo, Ecoembes, a organización ambiental sen ánimo de lucro que promove a sustentabilidade a través da reciclaxe de envases en España, convocou a sexta edición do concurso “Os profes contan”, un certame literario no que participa profesorado e alumnado de Primaria.

O obxectivo é recoñecer o labor formativo dos docentes respecto ao medio ambiente a través da literatura. Para participar, deberán crear un relato de entre 400 e 800 palabras no que os protagonistas sexan docentes que co seu traballo contribúan a mellorar o medio ambiente a través da reciclaxe, a cooperación e a solidariedade. Este conto deberá ir acompañado dun máximo de tres ilustracións realizadas polo alumnado. O prazo para entregar os traballos estará aberto ata o próximo 24 de febreiro e poderanse enviar a través de www.amarilloverdeyazul.com, o blogue de Ecoembes dirixido á comunidade educativa.

O xurado estará presidido pola escritora e filósofa Elsa Punset, que recentemente se iniciou na publicación de contos ilustrados. Clara Navío, xornalista ambiental; José Luis Gallego, divulgador ambiental; Mª Jesús Rodríguez, directora de Sensibilización e Incidencia Política de Aldeas Infantís SOS e Nieves Rey, directora de Comunicación Corporativa e Márketing de Ecoembes, completan o resto do xurado, que se encargará de seleccionar as dez obras finalistas. Estes contos serán publicados nun libro editado pola editorial Planeta e cuxos beneficios se destinarán integramente a Aldeas Infantís SOS. Ademais, o relato gañador logrará unha adaptación do conto nunha curtametraxe de animación e unha viaxe para toda a clase. “A educación é un dos alicerces básicos de calquera sociedade. Unha ferramenta de presente que nos permite traballar no futuro a través dos máis novos e no que os profesores xogan un papel fundamental. Por este motivo, a través deste certame queremos recoñecer o seu labor á hora de fomentar valores chave como o coidado do medio ambiente e a importancia da reciclaxe”, afirmou Nieves Rey, directora de Comunicación Corporativa e Márketing de Ecoembes

A pasada edición do concurso Os Profes Contan supuxo un récord de participación, con 345 contos recibidos. Ademais, o libro que recolle as historias gañadoras baixo o título “Érase unha vez mellor”, leva xa máis de 1.200 exemplares vendidos, cuxa recadación será doada integramente, como cada ano, a Aldeas Infantís SOS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*