Inicio » Actualidade » Alumnado do IES Moncho Valcarce das Pontes gaña o “Concurso de guións contra a violencia de xénero”

Alumnado do IES Moncho Valcarce das Pontes gaña o “Concurso de guións contra a violencia de xénero”

Co guión “O túnel”, unha proposta arredor dos “micromachismos”, e a partir do que se fará un vídeo.

Alumnado do IES Moncho Valcarce das Pontes gaña o “Concurso de guións contra a violencia de xénero”Elaborado por un grupo de alumnado do IES Moncho Valcarce das Pontes,”O túnel” resultou gañador do “Concurso de guións contra a violencia de xénero” que convoca a área de Igualdade da Deputación da Coruña. Un xurado composto pola guionista e membro da Academia Galega do Audiovisual, Araceli Gonda, a representantes da Asociación Sociopedagóxica Galega, Anxa González Refoxo e a técnica de políticas de igualdade de xénero da Deputación da Coruña, Eva Ovenza con Mercedes Fernández-Albalat como secretaria e presidida pola deputada da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Educación, Ánxela Franco decidiu conceder, por unanimidade, o premio ao guión presentado baixo o título “O Túnel”.

Alba Antúnez Pena, Cristina Fernández Blanco, Carmela Franco Caaveiro, Jessica Moledo Blanco, Noemí Purriños Lago e Román Varela Cores son as alumnas e o alumno do IES Moncho Valcarce das Pontes que compoñen o equipo que elaborou o guión, titorizado pola profesora Diana Aradas Blanco.

Proposta orixinal, “poética e metafórica”
O xurado destacou a proposta orixinal e intelixente do guión que encerra moitas capas na súa elaboración. “Trata un tipo de violencia “invisible” de baixa intensidade ou tamén denominada “micromachismos” presente na sociedade, reflicte unha sociedade opresiva e patriarcal, é unha curta poética e metafórica con gran plasticidade e xera reflexión, concienciación sobre a violencia de xénero”, explica o xurado arredor do guión que considera unha “proposta con impacto social”.

Á hora de optar por “O Túnel”, o xurado valora tamén a calidade da escrita que consegue “visualizarse perfectamente” co cal tecnicamente resulta viábel para a súa produción.
O premio consiste nun curso práctico de realización de curtas no que se producirá o vídeo con base no guión gañador. Outórgase tamén un premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo que titorice o traballo premiado.

A deputada Ánxela Franco, animou os centros de ensino a continuar a traballar nesta liña “porque o ámbito escolar é fundamental á hora de eliminar o machismo que é a causa da violencia de xénero”. En breve, estrearase xa a curta “Corazón amoratado”, elaborada co guión gañador da edición anterior, do instituto Puga Ramón da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*