Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Día Internacional da Muller e a Nena na CienciaA iniciativa promove todo tipo de actividades do 6 ao 19 de febreiro.

A convocatoria parte da declaración oficial das Nacións Unidas do día 11 de febreiro como “Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia”. A ONU subliñou a importancia de traballar pola igualdade de xénero como instrumento fundamental para alcanzar o conxunto de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030. Pero a propia institución internacional advirte do lonxe que está aínda esta meta, expoñendo un estudo realizado nunha mostra de 14 países que indica que as estudantes que terminan unha licenciatura, máster ou doutoramento en materiais relacionadas coa ciencia son un 18%, 8% e 2%, respectivamente, mentres que a probabilidade para os estudantes masculinos é do 37%, 18% e 6%.

Proxecto “11 de febreiro”
En 2016 realizouse a convocatoria por primeira vez co fin de fomentar a igualdade de xénero e o o empoderamento das mulleres e as nenas, e a nivel estatal un grupo de profesoras colaboran na amplificación da proposta a través da iniciativa www.11defebrero.com estimulando a promoción e difusión de actividades ao fío deste proxecto.

“Queremos encher as axendas de actividades que conmemoren o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a enxeñería e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico”, sosteñen as promotoras da idea.

Con ese obxectivo convócanse por exemplo este tipo de actividades:

  • As científicas achegamos a ciencia. Obradoiros, visitas guiadas a laboratorios, charlas e conferencias de divulgación científica impartidas por mulleres. Física, bioloxía, química, enxeñería, medicina, informática, veterinaria, matemáticas… estamos en todos os campos!
  • Mulleres científicas na historia. Mulleres e homes presentarémosvos a mulleres que fixeron importantes logros na ciencia.
  • Eu son científica. As científicas somos persoas normais coas que vos cruzades pola rúa. Mediante charlas breves e amenas falarémosvos da carreira científica e da nosa experiencia persoal e responderemos as vosas preguntas. Estas actividades estarán fundamentalmente enfocadas ao ámbito escolar. Nalgunhas ocasións poderán ir combinadas con actividades de divulgación científica ou biografías de mulleres científicas.
  • Concursos. Pódense convocar en versións diferentes, en función da idade. Que sabes dos descubrimentos das científicas pioneiras? Anímaste a debuxar unha científica? Presenta a unha científica?
  • Exposicións que axuden a visibilizar as mulleres científicas e os seus logros.
  • Muller e Ciencia. Onde estamos? Que podemos facer? Organizaranse mesas redondas, talleres e conferencias nos que coñecer a situación da muller no ámbito científico e debater sobre como aumentar a súa presenza.

A nivel galego, entre as promotoras da iniciativa está Verónica Salgueiriño, de Pontevedra, especialista en Física Aplicada, que investiga sobre materiais magnéticos nanométricos. As promotoras animan a unirse ao proxecto e a propoñer outras ideas e enriquecer a axenda de actividades a realizar entre os días 6 e 19 de febreiro. A web inclúe ademais unha selección de materiais e recursos relacionados con estes obxectivos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*