PNO abre o seu proxecto Escolas nas Ondas con 8 horas de directo desde Gondomar

O Leo i Arremecághona en pleno directo en Radio Turonio no Día Mundial da Radio
O Leo i Arremecághona en pleno directo en Radio Turonio no Día Mundial da Radio

A Asociación Ponte…nas Ondas! celebrou o Día Mundial da Radio con radio en directo desde o IES Terra de Turonio.

Unha intensa xornada de radio en directo marcou o inicio do portal ESCOLAS NAS ONDAS que a partir deste Día Mundial da Radio de 2017 acollerá as producións audiovisuais das escolas galegas e portuguesas e dos países da lusofonía.

Ás 10 da mañá Adrián e Carlos, de 1º da ESO procedían a realizar a presentación da xornada co reitor da Universidade de Vigo agardando para ser entrevistado e para mostrarlle á audiencia o novo portal que vai permitir darlle voz ás escolas.

A seguir foron as persoas convidadas que pasaron polos estudios de Radio Turonio quen achegaron a súa voz. Poñían a primeira nota musical o coro tradicional Cantares do Brión na voz de Dani Domínguez quen contou como se formou o coro e o ben que o pasa cantando a nosa música popular. Suso e Manolo, dous compoñentes do grupo Os Terribles de Donas fixéronlle confesións inéditas á súa neta Alexia que exercía de xornalista radiofónica. E nada terrible foi tamén a experiencia de Peter, o lector de inglés do instituto, que demostrou que un americano pode falar galego e facelo moi ben.

A escritora Rexina Vega conversou co alumnado sobre a súa actividade literaria e docente, lembrando o seu paso polo instituto como profesora de Lingua e Literatura Galega. Diego Bea, un dos compoñentes do dúo AMEVA contou como se iniciou no múndo da música e lembrou cando facía radio no seu paso polo centro. E para lembranzas as que nos achegou o avó Hamilton da súa Irlanda natal no programa Café irlandés. As súas netas Laura e Andrea fixéronlle unha magnífica entrevista en inglés con tradución ao galego incluída. Cando chegaba o mediodía, Radio Turonio establecía unha videoconferencia con dous ex-alumnos desde Canadá. E a música en directo chegou da man de Leo i Arremecághona quen armado do seu cavaquiño interpretou algúns dos seus temas máis coñecidos.

O portal “Escolas nas Ondas”
Nado para ser un punto de encontro para o audiovisual nas escolas de Galicia e Portugal e os países da área galego-portuguesa, o directorio de radio-escolas e tele-escolas do portal Escolas nas Ondas acolle xa máis dun cento de puntos de emisión en centros educativos de Galicia, Portugal e Brasil.

Tamén puidemos seguir en directo outra experiencia apaixonante, a do alumnado do colexio de Barbudo, en Vila Verde (Portugal) e do Cordo Boullosa en Ponte Caldelas (Galicia), unidos este luns nas ondas para descubrir e contarnos canto temos en común ás dúas beiras do Miño e, en definitiva, vermos que galegos e portugueses non somos tan diferentes e temos un pasado común que podemos compartir mirando cara ao futuro.

Aquí poden escoitarse as colaboracións especiais que recibiu Escolas nas Ondas para este día:

E aquí podemos ver a gravación da emisión especial de Radio Turonio:


Radio Turonio | Emisión Día Mundial da Radio por terradeturonio

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*