Inicio » A fondo » Abrolla en Vilariño a semente dunha primavera de palabras para Carlos Casares

Abrolla en Vilariño a semente dunha primavera de palabras para Carlos Casares

Abrolla en Vilariño a semente dunha primavera de palabras para Carlos CasaresUn emotivo acto da RAG co Proxecto Primavera das Letras abre no CEIP Carlos Casares de Nigrán o calendario de actividades cara ao Día das Letras 2017.

No lugar de Vilariño, na parroquia da Ramallosa, en Nigrán, viviu Carlos Casares a maior parte da súa vida e escribiu tamén a maior parte da súa obra. Alí, a escola a onde os seus propios fillos acudiron, leva agora o seu nome, CEIP Carlos Casares, e vive con intensidade a obra do autor nas súas aulas durante todo o ano. Xa que logo, non podía haber mellor lugar para que a Real Academia Galega presentase a edición deste ano do seu proxecto Primavera das Letras, unha iniciativa que promove a celebración e a homenaxe ás Letras Galegas nas escolas máis aló do propio 17 de maio.

O acto celebrado na biblioteca do CEIP Carlos Casares de Nigrán, capitaneada pola galiña azul que lle deu nome en 1968 ao seu primeiro libro infantil, é o primeiro acto dentro da programación deseñada pola Real Academia Galega arredor do Día das Letras Galegas de 2017. Co obxectivo de promover que os centros educativos recorden o autor homenaxeado co Día das Letras durante todo o ano e realicen actividades máis aló das que acostuman a concentrarse no propio mes de maio arredor do 17 de maio, a RAG aproveitou para presentar varios recursos didácticos para as aulas, en forma de fichas tanto descargables como de uso interactivo, ao xeito das que hai un ano xa presentara ao fío do ano Manuel María. Acomunidade escolar do CEIP Carlos Casares foi a primeira en coñecer os novos contidos, e os primeiros materiais están xa dispoñibles na web academia.gal/primaveradasletras, onde o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado poderá acceder a propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, para se mergullar no universo literario e vital do escritor.

a RAG aproveitou para presentar varios recursos didácticos para as aulas, en forma de fichas tanto descargables como de uso interactivoEnfoque interdisciplinario

As actividades deseñáronse cun enfoque interdisciplinario e están relacionadas con distintos contidos do currículo escolar, de tal xeito que permiten traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística. Como novidade, nesta segunda edición de Primavera das Letras haberá un concurso no que os centros educativos poderán contarlle á Academia como celebran o Día das Letras Galegas.

Tras a boa acollida da primeira edición deste proxecto, dedicada a Manuel María, a RAG decidiu adiantar a chegada da Primavera das Letras, de acordo con outro dos seus obxectivos: promover que a aprendizaxe arredor do Día das Letras Galegas non se limite aos días previos ao 17 de maio. Os materiais iranse publicando desde hoxe mesmo ata as vésperas desta data. Entre as propostas xa dispoñibles, figuran unha actividade interactiva centrada en Nigrán e fichas para coñecer o Entroido do Ourense natal do autor e poñerlle cores.

O veciño que traía os seus fillos ao colexio

O centro escollido para a presentación leva o nome de Carlos Casares desde pouco tempo despois do seu pasamentoO centro escollido para a presentación leva o nome de Carlos Casares desde pouco tempo despois do seu pasamento. Con este xesto rendeulle homenaxe “ao veciño que traía os seus fillos a este colexio” e que “soubo amar a súa lingua e mirar para fóra, para compartir e aprender”, expresou a directora, Ana Domínguez. A mestra foi a encargada de conducir o acto, no que un grupo de estudantes de 5º e 6º interpretaron un anaco d’A galiña azul, que marcou un fito na literatura en galego para os máis pequenos. O público tamén puido escoitar un fragmento d’O principiño en versión orixinal francesa e a súa tradución ao galego, realizada por Casares, nas voces dunha nai e unha alumna.

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, salientou o empeño que o equipo docente deste CEIP pon en que o alumnado se achegue á literatura a través da escrita de Casares, que é, dixo, “unha maneira de que queden comprometidos para sempre coa literatura galega”. Non en van, “foi capaz de entender os nenos e, polo tanto, escribir sobre e para os nenos”, destacou. Casares é ademais autor de varias das “obras máis sólidas da narrativa galega”, asegurou en referencia a Deus sentado nun sillón azul ou O sol do verán.

Carlos Casares escribiu estes dous libros no seu fogar de Vilariño, “o lugar onde viviu máis tempo e tamén onde máis tempo pasou escribindo”, recordou pola súa banda Hakan Casares, fillo do autor, membro da Fundación Carlos Casares e exalumno do colexio, quen lle agradeceu tamén á RAG que escollese esta localidade para celebrar o primeiro dos seus actos dentro da programación prevista arredor do Día das Letras Galegas 2017 pola importancia que tivo na súa vida e obra. Na súa casa de Nigrán escribiu tamén miles das súas columnas para a prensa, que adoitaba redactar polas tardes, ou a colección infantil d’O Toribio.

O secretario da Academia, Henrique Monteagudo, foi o encargado de presentar a nova edición da páxina web de Primavera das Letras que, como o ano pasado, volve estar dedicado a un autor “que se presta moito para traballar co alumnado de infantil e primaria”. No acto tamén tomaron a palabra o alcalde de Nigrán, Juan González, e a responsable do Equipo de Dinamización Lingüística do colexio, Vanesa Vargas. Como convidado especial acudiu igualmente o director do Instituto de Estudos Miñoráns, Xulián Maure, acompañado doutros membros desta asociación referente da cultura da comarca do Val Miñor.

One Response to Abrolla en Vilariño a semente dunha primavera de palabras para Carlos Casares

  1. Pingback: ‘Contádenos o voso Día das Letras’ | Botóns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*