Inicio » Pantalla » Concurso de vídeo-proxectos sobre os tres erres

Concurso de vídeo-proxectos sobre os tres erres

Concurso de vídeo-proxectos sobre os tres erresO prazo para a presentación dos traballos rematará o 17 de abril de 2017.

Os vídeo-proxectos (mini-reportaxes ou spots informativos) que participen na convocatoria deberán versar sobre a separación de residuos e a reciclaxe, centrándose de forma prioritaria nas fraccións dos contedores amarelo (latas, briks e envases de plástico) e azul (envases de cartón e papel).

O obxectivo deste certame é concienciar ao alumnado sobre a necesidade de separar os residuos en orixe e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar a súa posterior reciclaxe e contribuír con este xesto a protexer a contorna, garantindo así un maior benestar e calidade de vida para as xeracións actuais e futuras. Con tal fin, invítase á comunidade escolar galega a elaborar vídeos curtos nos que se dea boa conta da súa creatividade, capacidade de síntese e de expresión, propiciando a divulgación da mensaxe principal: a oportunidade de coidar o medio ambiente coa reciclaxe, a través da colaboración na separación en orixe (depositando os residuos nos contedores correspondentes).

O certame está organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Ecoembes e Sogama, a través da campaña “Oportunidades Galicia – Separemos ben, Reciclaremos mellor”. Poderán presentar a súa candidatura todos os estudantes matriculados en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou Bacharelato en Centros Educativos da Comunidade Autónoma Galega, tanto públicos como concertados e privados. Cada centro poderá enviar máis dun traballo pero cada alumno/grupo de alumnos só se poderá presentar unha vez. Será o profesor/a responsable do aula e o director/a do centro quenes decidirán cales son os traballos que se presenten, atendendo ao obxectivo e temática de dito concurso.

As bases completas desta convocatoria poden atoparse no sitio web da campaña

Máis de 20 mil escolares aprenderon este curso sobre as “oportunidades para reciclar”

A campaña “Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor”, que lidera e promove a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, chegou durante os últimos cinco meses a máis de 20.500 escolares de distintos centros educativos co fin de informalos, formalos e motivalos a levar a cabo unha xestión máis sostible dos seus residuos, contribuíndo a incrementar as porcentaxes de reciclado na nosa comunidade.

Así, desde o pasado mes de outubro, a campaña visitou un total de 156 centros educativos de toda Galicia, tanto públicos como concertados e privados, distribuíndose, por provincias, da seguinte forma: 57 pola da Coruña, 31 pola de Lugo, 15 pola de Ourense e 53 pola provincia de Pontevedra. No período comprendido entre outubro de 2016 e febreiro de 2017, realizáronse máis dun milleiro de accións educativas con alumnos dos ciclos de Infantil, Primaria e Secundaria (ESO e Bacharelato), ascendendo a participación a 20.584 escolares e máis de 900 profesores, superando así os 21.500 participantes directos.

Neste sentido, cabe sinalar que a comunidade escolar eríxese nun escenario ideal no que levar a cabo actuacións de concienciación e sensibilización social en materia de medio ambiente polo magnífico labor que pequenos e mozos realizan neste eido e o efecto multiplicador que as súas mensaxes e condutas poden ter sobre as familias e contorno social máis inmediato.
Os educadores ambientais que se desprazan aos centros imparten sesións teórico-prácticas a través das cales instrúen aos escolares na práctica diaria do principio dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar), insistindo nos tipos de materiais a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva como forma de garantir o seu posterior reciclado: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde convencional, para a fracción resto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*