Inicio » Planeta Verde » Convocada a quinta edición dos premios “Recíclate con Sogama”

Convocada a quinta edición dos premios “Recíclate con Sogama”

reciclate-con-sogamaDestinada aos centros participantes nesta iniciativa do Plan Proxecta.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan conxuntamente os premios escolares correspondentes á quinta edición do programa “Recíclate con Sogama”. Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, ten por obxecto promover a implantación da recollida selectiva de residuos nos centros e formar aos pequenos na xestión sostible do lixo en aras dunha maior reutilización e reciclaxe.

Con estes premios, orientados aos 19 centros escolares adscritos a Recíclate con Sogama, preténdese recoñecer e valorar o traballo da comunidade educativa ao longo do curso académcio co obxectivo de promover, tanto nas aulas como no seu ámbito familiar e contorno social máis inmediato, a práctica diaria dos tres erres, incidindo na importancia de reducir a produción de refugallos, a través dun consumo responsable; de alongar ao máximo a vida útil dos produtos, a través da reutilización; e de fomentar a correcta separación dos residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos distintos contedores habilitados nas vías públicas de cara a propiciar o seu reciclado e, xa que logo, o aforro de enerxía e materias primas.

Os centros que desexen concorrer a esta convocatoria, deben presentar as súas memorias de actividades a través da plataforma dixital do Plan Proxecta antes do próximo 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Nas mesmas, é preciso que describan o alcance dos seus proxectos, os obxectivos propostos, medios utilizados na súa consecución e actividades desenvolvidas, dando boa conta da relación de profesores implicados.

Máis información na web de Sogama

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*