Inicio » Actualidade » “Déixame un pouco de alento, pon toda a forza que teñas…”

“Déixame un pouco de alento, pon toda a forza que teñas…”

Hemisferios. 8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo.Hemisferios. 8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo.

Hemisferios. 8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo é unha iniciativa das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña para celebrar o Día Internacional das Mulleres 2017. Un proxecto que pon en común a creatividade de oito das máis recoñecidas voces da nosa música. Uxía, Pilocha, Alba María, Belem Tajes, Ugia Pedreira, Silvia Penide, Sonia Lebedinsky e Carmen Rey, voces de diferentes xeracións e estilos, únense, convidadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, nun tema musical que busca celebrar desde o orgullo, a vindicación, a emoción e a vontade de loitar e de avanzar na igualdade de xénero, para unha sociedade máis xusta e mellor.

Co cancelo #8mulleres8marzo as áreas de Cultura e Igualdade difunden na rede unha canción e un videoclip en 8 voces femininas coas que conmemorar o Día Internacional das Mulleres. “Déixame un pouco de alento,/ pon toda a forza que teñas. / Hei de rachar o silencio/ para saírmos polas fendas”, é unha das estrofas deste tema composto na súa letra e música por Alba María, a máis nova do grupo de cantoras que comparten o proxecto promovido pola Deputación da Coruña.

Diversidade e aceptación

“A canción fala da aceptación das nosas diferencias, da nosa diversidade, que conduce á aceptación de nós mesmas, non só de maneira individual senón como grupo. Só se nos coñecemos verdadeiramente podemos chegar a avanzar”, afirmou Alba María, a máis nova das participantes e tamén a autora da letra e a música da canción.

Entre as voces da canción atópanse nomes con décadas de traxectoria como Pilocha ou Uxía, que tamén tomou parte na presentación e destacou a calidade da canción escrita por Alba María e do vídeo que xa se distribúe nas redes. “Trata de poñer en relevo a sororidade, a nosa unión, a nosa forza en tempos escuros. Así como a canción dá idea da visión luminosa da nosa unión mais tamén hai mulleres esclavas da cultura patriarcal que ás veces teñen que pagar coa súa vida”, dixo Uxía ao tempo que defendeu o papel da música como “ferramenta importantísima para abrir camiños”.

Mulleres no mar, no campo, restauradoras, deportistas… son as imaxes que se mesturan nun videoclip producido por Ziwa que intercala a interpretación da canción polas oito voces da música galega que, como Carmen Rey mostrou a súa satisfacción por “compartir esta magnífica canción, moi rica tanto a nivel harmónico como rítmico”. Pola súa parte, Belem Tajes, a nova voz de Luar na Lubre, que relacionou a canción do 8 de marzo coa “música tradicional que gardan as mulleres da que somos herdeiras” apuntou antes de convidar a compartir a canción a través das redes sociais.

Canción: Hemisferios (letra e música de Alba María)
Arranxos: José Manuel Díaz
Produción musical: Alba María e Central Folque
Videoclip: Ziwa Producións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*