Inicio » Actualidade » ‘Contádenos o voso Día das Letras’

‘Contádenos o voso Día das Letras’

Aberta a convocatoria do certame da Real Academia Galega para a homenaxe das escolas a Carlos Casares.Aberta a convocatoria do certame da Real Academia Galega para a homenaxe das escolas a Carlos Casares.

Ás portas do cambio de estación, aproveitamos para lembrarvos que a iniciativa Primavera das Letras, proxecto da Real Academia Galega que fomenta a celebración e a homenaxe ás Letras Galegas nas escolas máis aló do propio 17 de maio, ten aberta a súa convocatoria de concurso baixo o título ‘Contádenos o voso Día das Letras’.

Para participar podedes enviar información e/ou ligazóns sobre actividades ou materiais de homenaxe a Casares nas vosas escolas durante estas semanas ao correo contacto@primaveradasletras.gal

BASES DO CONCURSO
1. O certame “Contádenos o voso Día das Letras” está aberto a todos os centros escolares de Galicia. O alumnado deberá desenvolver algunha actividade relacionada co autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2017: Carlos Casares.
2. Establécense dúas categorías: infantil e primaria.
3. Cada centro poderá participar co proxecto ou proxectos que desexe, tanto con aqueles que poidan implicar o conxunto da comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc.
4. Os responsables de cada proxecto amosarán na páxina web do seu centro, ou nun espazo virtual similar (bitácora da aula ou da biblioteca, canle de Youtube do colexio…) a actividade/s ou iniciativa/s realizada/s: contos, poesías, carteis, cancións, audios, vídeos…
5. Os centros deben enviar a/s ligazón/s correspondentes á/s súa/s iniciativa/s ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal. Se non contan con páxina web ou blog, poden remitir o material a este mesmo enderezo. No asunto deberá indicarse “Certame Contádenos o voso Día das Letras” e o nome do centro.
6. As iniciativas recibidas incluiranse nun espazo especial da páxina web de Primavera das Letras.
7. O prazo de recepción do material pecha o 10 de maio de 2017. Só se aceptarán actividades realizadas durante o curso 2016/2017.
8. Sortearanse varios lotes de libros entre todos os centros participantes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*