Inicio » Actualidade » Ao ritmo do Tic, Tac, Toc, adiante FalaRedes!

Ao ritmo do Tic, Tac, Toc, adiante FalaRedes!

Pablo Díaz e a súa banda volven aos escenarios coa segunda actividade anual nesta edición do programa de dinamización da SXPLPablo Díaz e a súa banda volven aos escenarios coa segunda actividade anual nesta edición do programa de dinamización da SXPL.

O músico Pablo Díaz é xa ben coñecido pola cativada nos escenarios de toda Galicia. E moitas das súas pezas prenderon forte como pequenos himnos no día a día de moitos fogares. Xa que logo, esta sexta edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que impulsa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolle como segunda das súas actividades anuais este “Tic Tac Toc”, que entre os meses de marzo a maio visitará dezanove localidades da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Aprender e bailar, ao tempo que escoitan, e como non, tamén cantan, este ‘Tic, Tac, Toc’ propón toda unha experiencia conxunta de aprendizaxe e diversión, aproveitando para reforzar a transmisión afectiva da lingua e as palabras. Nenas e nenos de ata sete anos gozarán de novo xunto coas súas familias deste directo cheo de forza e animación que leva aos escenarios as cancións do libro-disco ‘Tic, Tac, Toc’ de Pablo Díaz.

O músico Pablo Díaz é xa ben coñecido pola cativada nos escenarios de toda Galicia.Un disco que estende a proposta lúdica iniciada con ‘Tic Tac’ en 2010 e proseguida en 2013 con ‘Toc Toc’, co que o grupo gañou o premio Martín Códax na categoría de música infantil, e en 2014 co espectáculo ‘Xente miúda, moita fartura’. E acompañando ao artista, músicos de excepción novamente, Diego Barral ás guitarras e Álex Fente co acordeón. Os concertos do Tic Tac Toc abrirannos ao mundo dende a lingua galega incorporando ritmos e sentires de latitudes diversas (Brasil, Cuba, Os Estados Unidos…) sen abandonar os temas que conforman o universo próximo dos nosos nenos e nenas. Un espectáculo que “supón a volta dun dos grandes referentes do público infantil e familiar ao noso programa de dinamización lingüística”, indicou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, na presentación esta semana xunto ao propio Pablo Díaz e a artista Olga Kirk.

Ata finais de maio, e en exclusiva, en dezanove concellos

A actividade estará na Estrada, en Narón, Verín, Vilalba, Boqueixón, Palas de Rei, Celanova, Barbadás, Outeiro de Rei, Burela, O Grove, Ponteareas, Outes, Boiro, OCarballiño, A Cañiza, A Laracha, Betanzos e Santiago de Compostela, cun concerto de peche especial no caso da capital galega. Como é habitual no ‘FalaRedes’, en todos os casos a entrada e libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

A sexta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia. Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*