Convivencia glocal: XXXI Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz / Agappaz

Convivencia glocal: XXXI Encontro Galego-Portugués de Educadores pola Paz / AgappazDías 21, 22 e 23 de abril en Panxón (Nigrán).

Deica o 17 de abril permanece aberta a inscrición para esta nova edición do prestixioso encontro de Educación pola Paz que promove Nova Escola Galega, neste caso, baixo o lema “Convivencia glocal”.

Máis de 65 millóns de persoas do mundo actual vense forzosamente desprazadas, sendo unha das principais causas, sen dúbida, a guerra. A maioría acaba en inmensos campamentos precarios, pois lonxe de seren recibidas “con brazos abertos”, veñen debruzándose contra muros e cercas de arame farpado, axentes armados e portas pechadas. E nada menos que un 30% deles son menores de idade.

Ante esta dura realidade, un gran desafío que afrontan as comunidades educativas é o de educar en profundidade sobre este estado inxusto das cousas. Dedicamos este XXXI Encontro precisamente a ese cometido, apoiándonos nuns procesos que o pedagogo crítico brasileiro Paulo Freire –tamén desprazado no seu día– denominaba conscientização. Consistirán en desenvolver pedagoxías que fomentan no noso alumnado a súa capacidade de analizar criticamente a súa propia realidade local: a medida en que a convivencia cotiá no centro e nos barrios satisfaga os dereitos e necesidades máis básicas da comunidade; os tipos de conflitos que xorden e as súas posíbeis resolucións; a existencia ou non de orientacións e accións solidarias e sustentábeis; etc., para logo considerar os seus puntos en común con problemas semellantes ao nivel transversal ou global.

Pero aínda quedaría un último chanzo neste proceso glocal de conscientización: a de actuar en consecuencia co aprendido. De aí a expresión “pensar globalmente, actuar localmente”. Isto podería ser encauzado a través da participación democrática do alumnado na formulación de accións e políticas de resposta na comunidade: campañas de sensibilización; programas de acollida; proxectos internacionais de irmandades entre escolas e cidades; ou a aprendizaxe-servizo; moitas das cales serán exploradas neste XXXI Encontro, na Residencia de Tempo Libre, á beira da preciosa Praia de Patos, en Panxón (Nigrán), Galiza.
Programa completo, fichas de inscrición e máis información

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*