Inicio » Planeta Verde » Concienciación e investigación, “Recíclate con Sogama” xa traspasa as aulas

Concienciación e investigación, “Recíclate con Sogama” xa traspasa as aulas

O alumnado, embaixador das boas prácticas cos tres erres nos fogares.

O programa “Recíclate con Sogama” 2016-2017, enmarcado a súa vez no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, dou cumprimento a un dos seus principais obxectivos e é que os propios escolares dos centros adscritos ao mesmo se convertan en auténticos embaixadores da reciclaxe e que as boas prácticas implantadas nas aulas no ámbito da xestión sostible dos residuos urbanos se estean extrapolando aos fogares.

Así se constatou na segunda visita que técnicos de Sogama realizaron aos 19 colexios de primaria de toda Galicia que este curso académico están participando na iniciativa que promove a Sociedade pública e cuxa pretensión non é outra que implicar aos pequenos no gran reto que supón incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade.

Tal e como se recolle nos informes de seguimento, xa son moitos os centros que, ademais de levar a cabo actividades de promoción da recollida selectiva de residuos nos propios recintos escolares, deseñaron e executaron plans de acción para influír na súa contorna social.

Implicación e divulgación no contorno próximo

Un bo exemplo é o CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio (Ourense), onde están preparando os contidos a impartir nunhas charlas informativas dirixidas ás familias ou ben o CPR Plurilingüe Divina Pastora de O Barco de Valdeorras, tamén na provincia de Ourense, que a través dunha acción denominada “Foto denuncia” queren documentar o que sucede nas súas vivendas e nas da veciñanza.
 
No CPI Aurelio Marcelino Rei García de Cuntis (Pontevedra) están avaliando a posibilidade de editar material didáctico específico para distribuír entre os veciños, mentres que o CEIP Viñagrande-Deiro de Vilanova de Ourense xa elaborou  un mapa cos puntos críticos de vertido detectados, identificando igualmente a ubicación dos contedores, á vez que publicaron vídeos explicativos para que poidan ser visualizados polos cidadáns  a través do seu blog. Tamén realizaron enquisas nas que recolleron, de forma detallada, como xestionan os refugallos as súas familias.
 
No CEIP Luís Pimentel de Lugo ata abordaron un traballo de investigación para comprobar en que medida os contedores municipais ubicados no seu radio de acción son suficientes para atender as necesidades da poboación.
 
O CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa (Pontevedra) decidiu  pasar á acción a través de xornadas nas que efectuaron limpezas de ríos e visitaron supermercados nos que deron consellos á clientela sobre consumo responsable. As medidas executadas serán analizadas a través de enquisas para comprobar o resultado do seu labor.

Reutilización e autocompostaxe

Pola súa banda, o CPR Plurilingüe Padres Somascos de A Guarda (Pontevedra),  decidiu colaborar coa Asociación de Empresarios durante o pasado Nadal e decorar as rúas con materiais reutilizados.
 
Os labores de limpeza de espazos naturais tamén son habituais no CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense, onde xa fai tempo, e do mesmo xeito que noutros colexios tales como o CEIP A Cristina de Carballo (A Coruña), contan con patrullas de Ecovixiantes encargadas de velar  e garantir a correcta separación de residuos no centro e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes, subministrados por Sogama a todas as escolas (amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; e verde convencional, para a fracción resto). No CPR Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo (Lugo) a estes grupos denomínaselles “Patrulla de detectives verdes”.
No CEIP Marquesa do Pazo da Mercé de As Neves (Pontevedra) propuxéronse poñer en marcha unha horta aromática, utilizando o abono producido no seu composteiro, cedido no seu momento por Sogama. Tamén no CPI Virxe da Cela de Monfero (A Coruña) queren habilitar un xardín ecolóxico e empregar igualmente compost.
 
Noutros casos, os centros decidiron intensificar as actividades vinculadas á reutilización. No CEIP A Guía de Moaña (Pontevedra), un grupo de alumnos especializados na materia están impartindo charlas informativas nas distintas aulas para formar e concienciar aos seus compañeiros na importancia de dar unha nova vida aos residuos.
 
Pola súa banda, o CEIP  Virxe do Camiño de Rubiá (Ourense)  está a desenvolver unha obra artística a través de materiais de refugallos e no CEIP de Lousada, en Guntín  (Lugo), os membros da súa “Patrulla 3R” elaboraron carteis explicativos sobre o segundo erre e, para servir de exemplo, tamén empregaron nos mesmos obxectos fóra de uso.
 
No CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol decidiron substituír os salvamanteis de usar e tirar que utilizan nas merendas por uns de tea reutilizables.
 
A maiores, no CEIP Eloísa Rivadulla de Chantada (Lugo) reservaron na biblioteca un espazo privilexiado de información sobre reciclaxe, e no CPI Cova Terreña de Baiona (Pontevedra) desenvolveron diferentes materiais pedagóxicos para formar na materia (cómics, gravacións, presentacións, etc).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*