15 proxectos espallan a perspectiva de xénero entre o alumnado da Universidade de Vigo

15 proxectos espallan a perspectiva de xénero entre o alumnado da Universidade de VigoLamentan a falta de solicitudes desde os ámbitos científico e tecnolóxico.

A Unidade de Igualdade subvenciona este ano 15 actividades docentes que promoven a perspectiva de xénero e que se van levar a cabo nos tres campus. “A convocatoria destas axudas comeza a estar consolidada como unha forma de integrar a perspectiva de xénero na actividade docente e hai profesorado que xa organiza a súa docencia tendo en conta esta convocatoria”, explica Anabel González Penín, responsable da unidade, que fai fincapé en que a colaboración deste profesorado “é imprescindible para achegar ao alumnado a formación en igualdade que mellorará o exercicio da súa carreira profesional e, ademais, prepararaos para poder ser axentes de cambio que axuden a unha transformación social onde a identidade de xénero ou a orientación sexual non sexa fonte de desigualdade”.

Entre as 15 actividades subvencionadas, tres máis ca na anterior convocatoria, hai propostas diversas que combinan a formación con ciclos de conferencias e accións que fomentan a participación directa do alumnado, “creando, entre outra cousas, a súa propia obra artística con perspectiva de xénero”, explica a directora da unidade, que recalca tamén o feito de que a maior parte das propostas chegan do eido xurídico-social e humanístico “pero seguimos botando de menos o interese dos ámbitos científico e tecnolóxico por integrar a perspectiva de xénero na súa actividade, o que supón que este alumnado non recibe practicamente ningunha formación neste tipo de cuestións ao longo de toda a súa vida académica, feito que claramente é un déficit para a súa capacitación profesional”.

Filoloxía, Dereito e Empresa, en Vigo

As actividades subvencionadas arrancaron na Facultade de Filoloxía e Tradución co ciclo Entre poetas: dúas aproximacións a poetas españolas contemporáneas, no que participaron Gloria Bosch, que afondou na figura de Gloria Fuertes, e Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional da Poesía 2016. Tamén neste mesmo centro terá lugar, xa o vindeiro curso, a II edición da mesa redonda Nós Outras. Comportamentos tradutivos, dirixida a presentar e difundir a actividade tradutora nas diferentes comunidade lingüísticas dentro do Estado, pondo en valor o labor das tradutoras; e a xornada Micromachismos, macroviolencias: debates abertos, dirixida a formar ao alumnado na metodoloxía e teoría feminista e a explicar a relevancia dos feminismos na actualidade.

Neste campus celebraranse tamén dúas xornadas na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, unha sobre discriminación por idade da muller no mercado de traballo, e outra na que se tratará de tender unha ponte entre a muller romana e a actualidade. Pola súa banda, na EU de Estudos Empresariais organizan A diversidade na empresa: recursos humanos e igualdade, unha actividade dirixida a achegar ao alumnado do centro a importancia da diversidade nas organizacións empresariais.

Belas Artes centraliza a maior parte de actividades no campus de Pontevedra

En Pontevedra as actividades centraranse na Facultade de Belas Artes e en Ciencias da Educación e do Deporte. Dirixidas a visibilizar a presenza feminina e feminista no ámbito da expresión plástica terán lugar as xornadas Expresión artística e xénero: unha mirada plural; ás que se sumarán a mesa redonda Entre a escena e a acción: reflexións arredor do xénero, na que se convidará a catro mulleres cuxa traxectoria sexa relevante co obxectivo de afondar na problemática do xénero como parte do proceso artístico; unha exposición de fotografía sobre identidades sexuais e roles de xénero; o obradoiro Relecturas da feminidade no retrato fotográfico e audiovisual e a terceira edición das xornadas Unha mirada de xénero.

Ciencias da Educación e Informática lanzan unha proposta conxunta en Ourense

No caso de Ourense, celebraranse tamén actividades en varios centros. Unha das propostas vén da man da Facultade de Ciencias da Educación e a Escola de Enxeñaría Informática e nela achegarase ao alumnado a industria do videoxogo, un sector no que cada vez teñen máis peso as mulleres pero no que aínda se está lonxe de acadar estándares de igualdade. Tamén en Ciencias da Educación haberá unha actividade dirixida a achegar ao alumnado as principais achegas do feminismo Queer e a fomentar a visibilización das identidades que transgriden as normas de xénero e outra, organizada de xeito conxunto co campus de Pontevedra, dirixida a promover a equidade entre os e as estudantes. A maiores haberá dúas conferencias na Facultade de Dereito pensadas especificamente para sensibilizar aos membros da comunidade universitaria sobre os problemas de discriminación e violencia contra as mulleres.

Fonte: D. Besadío | UVigo

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*