Inicio » Actualidade » ‘O tren que me leva’

‘O tren que me leva’

‘O tren que me leva’O programa de actividades prolonga a difusión da obra do autor homenaxeado pola Real Academia Galega máis alá do 17 de maio.

Carlos Casares, autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, está estreitamente vencellado ao tren: mostrou desde sempre unha afección enorme por este medio de transporte e mesmo posuía unha maqueta enorme dun ferrocarril no xardín da súa casa. No ano 2000 participou, xunto con máis de 80 escritores europeos, no Expreso da Literatura Europea que, durante mes e medio, percorrería o Vello Continente desde Lisboa ata San Petersburgo con escritores de distintos países e en distintas linguas entre as que, da man de Carlos Casares, viaxaría a galega.

En lembranza desa afección do autor xorde o proxecto de dinamización lingüística ‘O tren que me leva’, que quere conmemorar as Letras Galegas 2017 da man de Renfe Viaxeiros, do Adif e da Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Fundación Carlos Casares, de Leite Noso (Deleite) e da Editorial Galaxia.

A estrea do proxecto fíxoa este xoves 18 de maio alumnado do IES de Arzúa, que viaxou en tren deica a Cidade das Burgas e realizou na mesma estación de tren unha solta de 90 libros da Biblioteca Carlos Casares entre os viaxeiros. Foron exemplares dos títulos Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán e Os mortos daquel verán. Os estudantes distribuíronos recomendándolles aos receptores que os lesen e, ao rematalos, os deixasen quedar no tren ou na estación para que outra persoa puidesen coñecer a obra do autor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas. A seguir, o alumnado arzuán percorreu o Roteiro Carlos Casares, deseñado polo escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, quen foi o guía da rapazada ao longo de 18 puntos emblemáticos da cidade de Ourense especialmente relevantes na vida do autor das Letras.

Actividades no tren

De volta ás súas casas, os viaxeiros e viaxeiras do IES de Arzúa foron os primeiros en ver os repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas que estarán durante un mes á vista dos usuarios de 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense.

Na viaxe en tren de ida e de volta realizaron diversas actividades relacionadas coa figura e a obra de Carlos Casares, accións coas que se busca prolongar a celebración das Letras Galegas e a difusión da obra do autor ourensán máis alá do 17 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*