Así é o impacto na saúde dos cativos do divorcio dos proxenitores

Cando unha parella se divorcia, unha das maiores preocupacións adoita ser o benestar dos fillos. De que forma repercute este feito na súa saúde é o que estudaron científicos das universidades de Santiago de Compostela e da de Vigo. Os seus resultados indican que coa ruptura da relación medra o risco de que padezan problemas xenitourinarios, gastrointestinais, dermatolóxicos e neurolóxicos, tal e como se recolle na información da Axencia SINC elaborada pola xornalista Eva Rodríguez.

Así é o impacto na saúde dos cativos do divorcio dos proxenitoresA separación da parella é un estresor psicosocial. Un divorcio pode producir alteracións importantes no estado de saúde físico e psicoemocional de todos os membros da familia, tanto dos proxenitores como dos fillos. Mesmo, en ocasións, do resto de familiares.

Un equipo de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Vigo avaliou o risco que teñen os fillos e fillas de sufrir problemas de saúde relacionados coa exposición á separación dos proxenitores.

O problema ben pola xestión inadecuada do divorcio, non polo divorcio en si mesmo

“Non é a ruptura da parella a que leva efectos negativos para o estado de saúde dos fillos e fillas, senón a xestión inadecuada por parte dos proxenitores, como sinala a literatura científica e constatan os nosos datos”, explica a Sinc María Dolores Seijo Martínez, coautora do traballo e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os expertos planificaron un estudo transversal de familias con parellas unidas e divorciadas no que participaron 467 nenos, nenas e adolescentes, de entre 2 e 18 anos.

Os científicos acharon que os fillos de proxenitores separados teñen aproximadamente o dobre de probabilidades de desenvolver problemas xenitourinarios, gastrointestinais, dermatolóxicos e neurolóxicos que os de familias nucleares.

Por outra banda, os autores non atoparon que a exposición a un divorcio medie no desenvolvemento de problemas respiratorios, cardiovasculares, musculoesqueléticos, alérxicos, auditivos ou visuais.

Evitar a tensión tóxica

A maioría dos autores afirman que as alteracións físicas, psicoemocionais e comportamentais relaciónanse maioritariamente coa inadecuada xestión da ruptura. Así, o alto nivel de conflito, a ausencia de coparentalidade ou a violencia familiar elevan o risco atribuído ao divorcio e o seu impacto no axuste dos menores.

“A mala xestión implica niveis de conflito interparental moi elevados, o que fai moi difícil manter unha adecuada relación. A exposición prolongada dos nenos e nenas a estas situacións familiares adoita xerar neles tensión tóxica”, engade a investigadora da USC.

Para a experta, isto leva unha activación extrema e continuada no tempo das respostas do corpo á tensión, que son as principais causantes destas alteracións físicas.

A este respecto, un estudo de 2012 da American Academy of Pediatrics precisa que non é unicamente a adversidade a que predice desaxustes e patróns de saúde desadaptativos nestes nenos e nenas, senón a ausencia de relacións adecuadas que poidan ofrecer protección e apoio e que favorezan o axuste e a adaptación dos fillos.

“Para reducir estas consecuencias é necesario apoiar as familias. O papel dos profesionais que se atopan en contacto directo cos menores, como o persoal de atención primaria ou o de centros escolares, é moi importante na redución da tensión tóxica xa que poden deseñar e introducir novas intervencións dirixidas á protección e á prevención”, conclúe Seijo Martínez.

Apoio para as familias separadas

En países como Estados Unidos ou Canadá están moi xeneralizados os programas de educación e apoio para a separación, particularmente aqueles introducidos desde os tribunais e xulgados de familia. Nalgúns casos establécese para todos os proxenitores a obrigatoriedade de asistir cando presentan unha demanda de divorcio, separación, custodia dos fillos ou demanda de visitas.

“De forma pioneira en Galicia púxose en marcha en 2002, desde a Universidade de Santiago de Compostela, un programa destas características denominado ‘Ruptura de parella, non de familia’, que contou con apoio da administración local ata 2015, e que neste momento se leva a cabo por persoas voluntarias”, apunta María Dolores Seijo Martínez.

Calquera parella pode acudir á Unidade de Psicoloxía, situada no campus sur da universidade santiaguesa, se está interesado en participar no proxecto IRPES.

Referencia bibliográfica:
José María Martinón, Francisca Fariña, Tania Corras, Dolores Seijo, Antonio Souto y Mercedes Novo. “Impacto de la ruptura de los progenitores en el estadode salud física de los hijos”. European Journal of Education and Psychology

Fonte: Agencia SINC/ Eva Rodríguez

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*